DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 18 ao 22 de febreiro

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte será a sede da XL Sesión da Academia Olímpica Española

Os alumnos poderán optar a unha bolsa para asistir á próxima reunión en Olimpia, Grecia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 05/02/2008

Co obxectivo de manter e difundir os intereses olímpicos entre os estudantes, a Academia Olímpica Española (AOE) celebrará este ano a súa sesión en colaboración coa Universidade de Vigo, sendo a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés a súa sede nesta cuadraxésima edición. O obxectivo principal da reunión anual é dar a coñecer o movemento olímpico en todas as súas dimensións, polo que vai dirixida a xestores e membros de asociacións deportivas, estudantes universitarios e todos aqueles interesados en mellorar o seu coñecemento sobre o tema. Segundo o decano do centro anfitrión, José María Cancela, “non hai moitas oportunidades de acoller actos de tanta relevancia como este, é unha ocasión moi importante para a facultade e para a cidade, xa que permite achegar aos nosos alumnos o espírito olímpico e ter, durante uns días e a nosa disposición, a personalidades destacadas do ámbito deportivo”, comentou na presentación do evento.
Cada sesión da AOE ten un programa dunha semana de duración no cal se inclúen conferencias, seminarios, proxeccións e mesas redondas. Esta edición, que terá lugar do 18 ao 22 de febreiro, contará coa participación dos máis representativos membros do Comité Olímpico Internacional e da Academia Olímpica Española, ademais de recoñecidos deportistas como Arantxa Sánchez Vicario.

Obxectivo: Olimpia (Grecia)

De entre os asistentes ao congreso, aqueles que pertenzan ao alumnado da Universidade poderán optar a unha das tres bolsas que se outorgan para asistir á seguinte reunión, que reúne cada ano en Olimpia e durante dúas semanas ao redor de 200 participantes de todo o mundo. Para entrar na selección, os estudantes deberán demostrar un bo nivel académico, coñecementos de idiomas (inglés e/ou francés), presentar un traballo sobre o olimpismo e, por suposto, asistir a todas as xornadas que darán contido ao congreso. O director da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte , xunto co seu decano serán os encargados de escoller aos tres alumnos que “representarán a España e ao Comité Olímpico Español no curso da Academia Olímpica Internacional que ten lugar en Grecia”, explicou o presidente da AOE, Conrado Durántez Corral, e engadiu que “serán dous rapaces e unha rapaza ou viceversa, xa que as condicións da entidade obrigan a que exista unha representación de ambos sexos”.
Ademais, a aqueles alumnos da Universidade que acrediten a súa asistencia á sesión, concederáselles dous créditos de libre elección.

O 40 aniversario da Academia Olímpica Española

Este ano, ademais de celebrar a tradicional sesión, os membros da AOE teñen un dobre motivo para festexar o evento. Trátase do 40 aniversario da entidade, fundada en Madrid no ano 1968 e pioneira entre todas as academias nacionais. De entre os seus logros hai que subliñar as iniciativas para a creación da Asociación Panibérica de Academias Olímpicas, do Comité Español Pierre de Coubertin, da Unión Española de Filatelia Olímpica, así como a apertura de diversos centros de estudos en colaboración con distintas universidades españolas, como é o caso do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo que se creou fai case un ano.
Na presentación tamén estivo presente o secretario da AOE, Pablo Galán Fernández, quen remarcou a intención por parte da institución de “continuar colaborando coa Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte co obxectivo de transmitir o noso espírito olímpico entre os universitarios”.

Pódese descargar o programa na web:
http://webs.uvigo.es/feduc/index.php?id=41,432,0,0,1,0