DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de profesorado e alumnado de seis países europeos

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebra a súa semana internacional

Comparten actividades académicas, investigadoras e culturais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Ourense 23/04/2025

A cita anual da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense coa internacionalización é a International Week, que permite a alumnado e profesorado deste centro compartir unha semana de actividades académicas, investigadoras e culturais con profesorado procedente de diversas universidades europeas e alumnado alemán. A edición deste ano arrancou este luns e prolongarase ata o venres.

A actividade contou na súa apertura coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. Por parte da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo estiveron Mª Montserrat Cruz (a decana); Mª Beatriz González (coordinadora de Internacional) e a profesora Elena Shakina. Nas súas intervencións puxeron de relevo a importancia desta iniciativa na aposta pola internacionalización da facultade organizadora e os bos resultados que acada en cada edición. Trátase, sinalaron, dunha experiencia de intercambio e colaboración moi enriquecedora no académico e no persoal para as persoas participantes.

Na International Week 2025 participan 12 profesoras e profesores de Polonia, Lituania, Portugal, Alemaña e Italia. Tamén están dez estudantes da Universidade de Bremerhaven (Alemaña), institución académica coa que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ten unha dilatada traxectoria de colaboración entre cuxos froitos están un dobre grao en Administración e Dirección de Empresas. Por parte do centro ourensán participan arredor de 40 persoas, tanto persoal docente e investigador como alumnado do Grao de ADE. A cita está coordinada por Beatriz González, Francisco Reyes, Elena Shakina e Mª Montserrat Cruz.

Cinco días de actividade

A programación deste ano da International Week mestura actividades culturais, académicas e investigadoras, centrándose en temas como as alianzas internacionais e o crecemento académico, as relacións interculturais, a intelixencia artificial e o turismo sostible. A actividade comezou o luns coa visita á cidade de Ourense e xa o martes trasladouse ao campus para centrarse na actividade académica e investigadora. A primeira sesión estivo dedicada ás relacións interculturais, buscando “fomentar a colaboración e a comprensión en contornas académicas a través da conciencia cultural e a inclusión”. En seis conferencias abordáronse temas que abrangueron desde a evolución do turismo de masas ao turismo intelixente ata as oportunidades de negocio na xestión integral e valorización de residuos.

Este mércores a programación está dedicada ao turismo e a economía de servizos e nela examínanse innovacións e desafíos nestes ámbitos, facendo énfase nas prácticas sostibles en Galicia e Ourense. Xa o xoves terá lugar unha xornada de investigación organizada conxuntamente co programa de doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial da Universidade de Vigo e o Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas. Nela, persoal docente e investigador e alumnado compartirán proxectos en curso co obxectivo de fomentar a colaboración interdisciplinar e o intercambio de coñecementos. Ademais estudantes alemáns e ourensáns colaborarán nunha sesión interactiva no que abordarán a xestión baseada na evidencia e os métodos experimentais, “promovendo o intercambio intercultural e a aprendizaxe práctica”. O venres a International Week 2025 rematará cunha sesión dedicada ao ensino potenciado con intelixencia artificial, abordando os seus beneficios, desafíos e consideracións éticas.