DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo o patrón do centro co Día Internacional do Libro

A Facultade de Filoloxía e Tradución celebra San Isidoro con xogos, talleres, concertos e a tradicional entrega de premios laranxa e limón

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 23/04/2009

Música, obradoiros e competicións amenizan esta xornada de xoves a Facultade de Filoloxía e Tradución. A celebración de San Isidoro de Sevilla, patrón do centro, é o motivo da festa organizada polos alumnos de Tradución e Interpretación e das tres filoloxías: galega, hispánica e inglesa.
A troula comezaba ao mediodía cuns pinchos na cafetería, ao que lle seguiron os xogos de mesa; decenas de mozos participaron nun campionato de tute e trivial que se prolongou ata ven entrada a tarde.
Ás 15.30 horas chegaba un dos momentos máis esperado da xornada, a entrega dos premios laranxa e limón, “unha actividade que se fixo por primeira vez o ano pasado, despois de estar moito tempo sen celebrar o día do patrón”, explica Ester García, unha das organizadoras dos festexos. Trátase dun “galardón ao profesor ou profesora que máis e que menos gusta, de cada unha das catro titulacións, segundo a valoración dos alumnos”, sinala García. Durante as dúas últimas semanas os estudantes tiveron a oportunidade de exercer o seu voto en urna e hoxe fíxose público o veredicto final. Pola Licenciatura de Tradución e Interpretación saíron elixidos José Yuste, co premio laranxa e Javier de Agustín co limón; en Filoloxía Inglesa a laranxa recaeu en Jeffrey Beasley e o limón foi para Hilary Siebert; na Galega, Anxo Angueira foi o mellor valorado e o galardón máis amargo levouno Camino Noia; en Filoloxía Hispánica produciuse curiosamente un doblete, proclamándose gañadora dos dous premios Inmaculada Anaya.
Acto seguido, volveu a diversión co campionato de videoxogos, á vez que tamén daban comezo dous obradoiros, un de elaboración de broches con diferentes teas e outro de maquillaxe teatral, ámbolos dous cunha alta participación de estudantes.
De xeito paralelo, e para facer a tarde máis agradable e entretida, os grupos Sleeping Luck e Le llaman silla subíanse ao escenario, montado no patio exterior da facultade, para deleitar ao público coa música máis actual.

Troco de libros no seu día

Ademais, coincidindo co Día Internacional do Libro, os mozos organizadores da festa levaron a cabo, un ano máis, o troco de libros, “unha actividade consistente en cambiar un libro teu por outro da exposición”, explica García. “Comezouse con libros cedidos pola propia Universidade, profesores e departamentos e logo xa calquera persoa pode coller un a cambio de doar outro”. Un pequeno mercado de intercambio gratuíto de libros, de diversa temática e lingua, que xa leva funcionando dende o pasado luns e provese que, debido ao éxito que está a ter, continúe ata semana vindeira.