DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este mércores no pavillón universitario

A feira de emprego do campus reúne arredor de 70 entidades e 400 estudantes

O seu obxectivo é abrir oportunidades laborais ao talento universitario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 09/04/2025

Ao igual que o pasado 3 de abril no campus de Vigo, este mércores o campus de Ourense celebrou a súa cita de referencia anual co emprego, a Feira EmpregoInCampus. Nela, o alumnado dos seus nove centros (especialmente o dos últimos cursos de grao, de doutoramento e de mestrado) puido coñecer de primeira man as oportunidades de desenvolvemento profesional e prácticas que lles ofrecen arredor de 70 entidades públicas e privadas de diversos sectores. A organización estima en 400 alumnas e alumnos o número de participantes ao longo da xornada.

A actividade estivo organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, contando co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e das súas escolas e facultades e co patrocinio do Campus Auga, o Consello Social da Universidade de Vigo, Eures e a Xunta de Galicia. A feira abriu ás 10.00 h as súas portas no pavillón de deportes universitario, onde se ubicaron os diferentes postos, e continuou ata ás 19.00 h. Ás 13.00 horas tivo lugar unha visita institucional encabezada polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e á que asistiron Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta; Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense; Jesús Antonio Peñas, subdelegado de Defensa en Ourense; Tamara Silva, concelleira de Educación, e Rosendo Luis Fernández, deputado provincial.

Na apertura da feira, Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, puxo en valor a diversidade das entidades participantes nesta edición, con empresas e entidades de sectores moi diferentes. Sobre a súa participación apuntou que “realmente as empresas veñen aquí a buscar talento universitario, veñen a coñecer o noso estudantado”. Alén das oportunidades concretas que poidan xurdir, a responsable académica destacou a importancia de que nesta actividade o alumnado se achegue aos diferentes postos para coñecer os perfís e competencias que buscan as empresas para que cando realmente se teñen que enfrontar á busca activa de emprego estean preparados para iso. Do mesmo xeito, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou que “esta feira é unha boa oportunidade para que os nosos rapaces e rapazas entren en contacto coas empresas e entidades, sobre todos os do último curso, que teñen que afrontar a súa saída ao mercado laboral de xeito inminente”. Lembrando os “excelentes datos de empregabilidade” das titulacións do campus de Ourense, esta actividade, apuntou o vicerreitor, “é unha maneira de facilitarlle ese paso do académico ao laboral”.

Participación moi diversa

A listaxe de entidades participantes na feira foi moi diversa e o estudantado puido achegarse a postos de empresas e organizacións de sectores vinculados ás diferentes titulacións que se imparten no campus ourensán, desde a alimentación e a enxeñaría ata asociacións de diferentes eidos e centros tecnolóxicos. Tamén tiveron un espazo destacado entidades públicas como a Xunta, a Deputación de Ourense e a administración estatal. Ao igual que en anos anteriores, a feira contou con dúas partes principais, unha zona de postos e mostradores de 50 entidades que buscaban perfís diversos e outra zona onde a Escola Superior de Enxeñaría Informática desenvolveu entrevistas concertadas entre alumnado deste centro e 26 entidades, algunhas das cales tamén tiñan presencia na zona xeral.

Nesta edición participaron entidades como Abanca, Aceites Abril, Aertec Solutions, Agencia Estatal de Administración Tributaria, Alén Space, Arias Avogados, Atelier Social, Balidea, Bahía Software, Ceesg, Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar, Codisoil, Coren, Hotusa, Gradiant, LexAuria, Ministerio de Defensa ou Uría Menéndez Abogados, ademais dos diferentes exércitos e corpos de seguridade. En cada posto, o alumnado puido entregar o seu currículo a través dun código QR que se xeraba no momento de facer a inscrición. Para facilitar a participación, tamén se instalou un espazo dedicado ao Pasaporte de Empregabilidade, no que as e os estudantes recibiron asesoramento sobre o seu CV e puideron facerse unha foto de calidade para el ou para redes sociais profesionais.

Segundo explicou a directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, Maruxa Álvarez, nesta edición inscribíronse para participar na feira arredor de 250 estudantes, pero esta cifra, sinalou, vese logo incrementada cada ano polos estudantes que se achegan por libre, estimando que a cifra total de asistentes á Feira EmpregoInCampus Ourense 2025 ascenda a arredor de 400 rapaces e rapazas das diferentes titulacións. Entre o alumnado que se achegou pola mañá estiveron Xabier Conde e Ariadna Pérez, que cursan cuarto curso do Grao de Enxeñaría Informática, na Escola Superior de Enxeñaría Informática. “Estamos acabando os nosos estudos e queremos ir introducíndonos no mundo laboral”, comentaron. Cunha boa impresión da feira, sobre todo da súa organización e distribución, dela salientaron o feito de que lles dá a oportunidade de falar directamente coas empresas. Tendo en conta que a súa titulación ten índices de empregabilidade moi altos, eles acudiron á feira para coñecer opcións posibles.