DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso organizado pola Facultade de Filoloxía e Tradución

Finaliza o achegamento dos presos de A Lama aos contos españois contemporáneos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 12/12/2007
Vinte presos do cárcere de A Lama convertéronse durante dous meses en alumnos dun curso de literatura española impartido por estudantes voluntarios, procedentes tanto do último curso de Filoloxía Hispánica como do Programa para Maiores desenvolvido na Facultade de Filoloxía e Tradución.
Cómo se fue Minguela, de Torrente Ballester; Parece tan dulce, de Rosa Montero ou La Verdad Agamenón, de Javier Cercas foron algúns dos contos escollidos para darlle contido a este curso que cada martes entre os meses de outubro e decembro levou aos alumnos de Facultade de Filoloxía ata o cárcere de A Lama.
Dolores Troncoso, directora do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, como responsable de organizar o curso foi a encargada de darlle clausura coa entrega de diplomas aos presos asistentes. Durante o acto mostrouse “moi satisfeita co resultado acadado” e expresou o seu desexo de que “a experiencia fose útil para todos os que tomaron parte nela”. Do mesmo xeito sinalou o tema escollido para esta edición, o conto español contemporáneo 1944-2006 , como un dos motivos do éxito, “pois o paso da novela, utilizada no curso pasado, aos relatos breves facilita a lectura e permite que as obras sexan comentadas por todos na clase”.

As clases

Luis, estudante do programa para maiores e encargado de impartir a lección inaugural, comenta que “a clase empezou cunhas preguntas sobre unha obra que previamente se lles entregara aos alumnos, cando vin que todos a leran fixen unha exposición sobre a vida do autor, con anécdotas incluídas, e entre todos analizamos o conto”
Outra das docentes voluntarias, Ana Chimeno, manifesta a opinión xeral do grupo ao apuntar que “a experiencia resulta moi positiva xa que os alumnos son entusiastas e nada conflitivos, sempre veñen cos deberes feitos e fan moitas preguntas, son incluso máis participativos que os universitarios”

Festa de fin de curso

O acto de clausura do curso contou coa actuación do cantautor Xurxo Ventos, alumno da Facultade de Filoloxía e Tradución, que ofreceu un repertorio de cancións de artistas de corte socialista entre os que destaca Víctor Jara, o brasileiro Caetano Veloso e o cantautor cubano Silvio Rodríguez. A continuación, e como peche da festa, o grupo de rock Yin Yang, composto na súa totalidade por presos de A Lama, ofreceu un concerto con pezas de Maná, Pignoise e Radiohead.