Mañá o encontro será coa candidata do BNG, Ana Miranda
Francisco Millán Mon achega o programa do Partido Popular para as eleccións europeas aos estudantes de CCSS e da Comunicación
Un labor de “pedagoxía de Europa” e de concienciación sobre a importancia que as eleccións ao Parlamento Europeo do 9 de xuño teñen para Galicia foi o que realizou Francisco Millán Mon nun encontro cos estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación este mércores.
Coa vista posta na implantación definitiva do Tratado de Lisboa cara a finais de ano, o candidato do Partido Popular sinalou que o Parlamento europeo vai “ver reforzadas as súas competencias e converterse nun colexislador ao mesmo nivel que o Consello”. E vaino facer precisamente “en áreas que afectan moito a Galicia como a pesca, o sector agrícola e gandeiro e o comercio exterior”. Neste sentido, Millán Mon posicionou ao seu partido como defensor da Política Agraria Común (PAC) “para que a xente siga producindo e o campo siga estando habitado” e lamentou que a externacionalización que viven algúns sectores clave da economía galega como o conserveiro, o automobilístico ou o téxtil “non teña máis porosidade e chegue ás pequenas e medianas empresas”.
Millán Mon non só caracterizou ao Partido Popular como firme defensor dos intereses de Galicia e España senón que tamén apuntou que ten unha “visión positiva de Europa” da que dixo que “de non existir, habería que inventala pola súa influenza na prosperidade mundial”. Recordou a reflexión de Cunqueiro sobre unha Galicia “rica en camiños pero pobre en estradas” e sinalou que esta xa non é a realidade galega “grazas os fondos recibidos de Europa”.
Aproveitar as potencialidades da Unión Europea
En resposta ás preguntas dos estudantes, o candidato popular explicou someramente o funcionamento do mastodóntico Parlamento europeo, con case 800 deputados e vinte tres linguas oficiais, e amosou a súa confianza en que as reformas introducidas no Tratado de Lisboa “aproveitar a súa potencialidade”. No mesmo sentido sinalou a conveniencia da implantación de figuras como a Presidencia estable do Consello europeo ou dun Alto Representante na política exterior “que colla o teléfono en nome de Europa”.Millán Mon rematou a súa intervención cunhas notas sobre as propostas do Partido Popular en materia de educación. Entre estas, destacou a idea de implantar no bacharelato unha materia “sobre os antecedentes e obxectivos da Unión Europea, focalizada no presente” para que os mozos perciban como o Parlamento europeo está presente cada día nas súas vidas e saiban desentrañar o funcionamento do triángulo Comisión, Consello e Parlamento. Ao mesmo tempo, aproveitou para invitar os estudantes “a subir ao tren do programa Erasmus como vía de experiencia directa e coñecemento de Europa” e sinalou a necesidade de “dotar de máis fondos e cun pagamento máis áxil” este programa de bolsas.