Coa colaboración da Universidade de Vigo
A Fundación Idissa formará socorristas na Facultade de Ciencias do Mar
As clases serán as fins de semana a partir do vindeiro 14 de marzo
A Fundación Idissa, en colaboración coa Universidade de Vigo entre outras institucións, organiza un curso de socorrismo en instalacións acuáticas e espazos naturais. Esta actividade que bota a andar o vindeiro venres 14 de marzo, celebrarase na Facultade de Ciencias do Mar durante as fins de semana ata completar as 520 horas que compoñen o curso. Os asistentes poderán obter os certificados segundo os requisitos do Ministerio de Educación e Ciencia, válidos para traballar como socorrista en toda España.
Esta iniciativa forma parte dun programa de formación máis amplo que esta a levar cursos desta índole por diversos concellos da xeografía galega. A Fundación Idissa, organizadora desta actividade é unha entidade recoñecida de interese xeral e utilidade pública que leva a cabo este tipo de accións formativas, xunto con outras máis ligadas á eido humanitario e á investigación en salvamento acuático, socorrismo e actividades acuáticas.
Un programa sobre prevención e rescate
O curso de socorrista en instalacións acuáticas e espazos acuáticos naturais comprende 520m horas, das cales 140 son presenciais. Entre os contidos están os primeiros auxilios, a prevención de accidentes en instalacións acuáticas e espazos acuáticos, así como o rescate de accidentados en ambos medios. As clases terán lugar os venres pola tarde, sábado durante todo o día e domingos pola mañá a partir desta próxima fin de semana.O prezo desta actividade formativa é 390 euros e inclúe a cota de asociado profesional con seguro anual e seguro durante todo o curso, os textos do curso, a mascarilla de RCP (reanimación cardiopulmonar), o dereito a realizar os exames sempre que non se supere o 10% de faltas de asistencia.
Con todo, para tomar parte neste curso, a organización tamén require unha condicións mínimas como ser maior de idade o cumprir esta maioría no transcurso da actividade, estar en posesión do graduado escolar, saber nadar e ter aletas. No que se refire á natación, dende a fundación recomendan consultar as probas de aptitude física que hai que superar.
O límite de prazas sitúase en 30 alumnos e a admisión realizaras por orde de presentación de solicitudes. O prazo para realizar a matrícula remata este mércores 12 de marzo.
Toda a información sobre a inscrición ou os contidos pode atoparse na web da Fundación Idissa.