Na sede da Fundación Laxeiro
A Fundación Laxeiro acolle a exposición “Facer e Deixar Facer” coas obras de alumnos e docentes de Belas Artes
Recollendo as obras de alumnos e profesores da facultade de Belas Artes
Ata o vindeiro 13 de xaneiro poderase visitar a exposición Facer e Deixar Facer que organiza a facultade de Belas Artes en colaboración coa Fundación Laxeiro. Dez artistas da propia Universidade de Vigo amosarán obras feitas exclusivamente para esta mostra acerca dun tema peculiar: Facer e Deixar Facer, centradas na reflexión de que sempre que se fai algo, déixase de facer outra cousa. Frecuentemente é moito ou máis o que se deixa de facer que o que se fai. Así, podemos pensar calquera acto, en negativo, como a definición de todo aquilo que se deixa de facer.
“Na vida cotidiá sempre se valora o feito de facer cousas como algo positivo, nesta ocasión quixen por o acento no contrario, en cómo hai situacións en que o bo é deixar de facer cousas, e na arte isto ten moito sentido, tanto o que fas como o que non fas”, explicou o comisario da exposición, Ignacio Pérez-Jofre.
A idea de realizar esta mostra partiu do grupo de investigación interdepartamental PE-1 da facultade de Belas Artes, dirixido por Juan Fernando de la Iglesia, catedrático da Universidade de Vigo. O proxecto componse de tres fases: producción das obras, realización da exposición e edición do catálogo da mostra. O comisario da exposición explicou que “con esta idea, o que se pretende é xenerar proxectos que traballen desde o artístico cara ao social, que xeneren metáforas capaces de cuestionar o que se fai neste espazo, a través dunha poética do deixar de facer”.
Artistas e obras
Carlos Aldao, Miguel Cuba, Sara Fuentes, Juan Loeck, Francisco Meana, José Manuel Mouriño, Eduardo Manuel Outeiro, Martín Rodríguez e Ana Seoane, son os artistas que amosarán as súas obras na exposición Facer e deixar Facer que se inaugurará na tarde do venres na sede da Fundación Laxeiro.Cada un dos artistas participantes enfocou a súa obra desde un punto de vista diferente, deste xeito hai obras que aluden á experiencia vital, a que hai moitas cousas na vida diaria persoal de cada un que é mellor deixar de facer coma por exemplo, deixar de fumar. Outros fan referencia á vida do arte, como é o caso de Martín Rodríguez, que na súa obra fala de desfacer unha exposición, da vida dunha mostra que se acaba e logo se converte noutra cousa. Outras obras falan da idea de non facer aplicada á ocupación do territorio, a o feito de cando o urbanismo se converte nun problema e as reflexións en torno a este tema.