DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Redeiras acolle durante todo o día a 2ª edición das xornadas 'Comunicar en igualdade'

Da gordofobia á realidade das mulleres LBT solicitantes de asilo, oito puntos de vista para comunicar en igualdade

Organizadas polas estudantes de doutoramento Carla Míguez e Vanesa Freire  

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 07/06/2024

A formación en diversidade desde a primeira infancia; a decolonización da gordofobia; a realidade das mulleres LBT solicitantes de asilo, a violencia de xénero no marco da interseccionalidade e o binarismo como obstáculo para a comunicación sobre as sexualidades feministas e disidentes, son algunhas das temáticas que en sesións de mañá e tarde se abordan este venres na segunda edición das xornadas Comunicar en igualdade. Organizadas polas estudantes de doutoramento do Programa de Tradución e Paratradución da UVigo, Carla Míguez Bóveda e Vanesa Freire Armada, as sesións teñen o triplo obxectivo de “transmitir como aplicar unha visión feminista interseccional a diversos aspectos da vida, tratar aspectos multidisciplinares da perspectiva de xénero e dar a coñecer o labor das asociacións feministas a través da experiencia”, detallan as responsables da organización. 

Logo dunha primeira edición centrada na lingua, na que se desenvolveron varios relatorios sobre linguaxe inclusiva e non binaria, na xornada de hoxe dáse espazo a disciplinas diversas, aínda que maioritariamente pertencentes ás humanidades e ciencias sociais. “Buscamos persoas que puidesen achegar un punto vista que non sempre se ve, e que non precisan un título de doutoramento ou de especialista para ser expertas na súa materia”, sinalan Carla Míguez e Vanesa Freire, que inciden na diversidade das temáticas dos relatorios, que en todos os casos teñen en conta perspectiva de xénero e a inclusión. 

En relación coas poñentes como Angelly Ferreiro de Eduso Antirracista, Iria Custodio, as integrantes da asociación Nós Mesmas, Eki Irusta Araujo o Itxi Guerra, as organizadoras das xornadas, nas que tamén participa a docente e investigadora da UVigo Nararet Blanco Pardo, sinalan que “a maioría son persoas cuxo traballo coñecemos a través das redes sociais ou de escoitalas en relatorios noutras cidades. Cremos que o que teñen que dicir é moi valioso e queremos dar á nosa comunidade a oportunidade de facelo de forma gratuíta”. 

A linguaxe e o reparto de discursos nos medios 

Financiada pola Unidade de Igualdade a través das Axudas para a organización de actividades de sensibilización que promovan a perspectiva de xénero na Universidade de Vigo, a xornada que se prolongará ata esta tarde no edificio Redeiras conta coa participación de estudantes, docentes e público alleo á Universidade.

“Respecto do ano pasado, esta edición conta cun panel maior e máis diverso, ademais de que a asociación Nós Mesmas ten unha dobre participación cun panel sobre a diversidade na primeira infancia e unha mesa redonda sobre mulleres LBT migrantes solicitantes de asilo”, explican Carla Míguez e Vanesa Freire. Como estudantes de linguas, ambas as dúas consideran que para comunicar en igualdade cómpre comezar pola linguaxe que se emprega, evitando masculinos pseudoxenéricos e conductas sexistas, racistas, gordofóbicas, LGTBfóbicas, coloniais, etc. “Tamén, no caso dos medios, trátase de a quen dar voz. Algúns grupos sociais teñen máis altofalantes ca outros, e normalmente estes últimos encárganse de difundir noticias falsas. Dar voz a discursos que negan realidades nestes momentos de alza da utradereita é perigoso e imprudente, os colectivos minorizados e diversos temos que alzar a voz máis que nunca”, reivindican as organizadoras.