DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“O máis rico (do cemiterio)” e “Palíndromo”

Gran acollida da estrea das curtametraxes de Jorge Fernández e Eva Quintas

Os actores Avelino González e Mariana Carballal presentaron o evento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 16/06/2008

O feito de ser venres pola noite e estar en plena época de exames, non botou para atrás aos asistentes á estrea das curtametraxes O máis rico (do cemiterio) e Palíndromo, que se proxectaron no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cunha moi boa acollida por parte do público. Segundo comentou Jorge Fernández, “confiabamos en que viñera bastante xente, pero a verdade é que se superaron todas as expectativas”, subliñou o director de O máis rico (do cemiterio).
En ton de humor, o protagonista dunha das obras, Avelino González, e a actriz e profesora da titulación de Comunicación Audiovisual, Mariana Carballal, presentaron estas dúas curtas dirixidas polos novos profesionais Jorge Fernández e Eva Quintas que, acompañados polo seu equipo de rodaxe, amosaron a súa satisfacción polo traballo realizado, ademais de subliñar que “foi unha experiencia moi positiva xa que tiñamos bastantes cousas en contra, pero finalmente conseguimos que asistira moita xente e que pasaran un rato divertido”, apuntou Jorge Fernández.
Ao remate do evento, os membros do equipo fixeron un recoñecemento especial ao labor que desempeñou a protagonista de Palíndromo, Mariña Sampedro, que con tan só doce anos, demostrou ter un gran talento e ser unha das novas promesas da gran pantalla.