DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grove, unha vila de cine

Dous alumnos de Comunicación Audiovisual elaboran un documental sobre as salas de cine deste concell

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 06/07/2010

Novedades, Anduriña, Marino e Besada son os nomes protagonistas do particular relato cinematográfico do concello do Grove, no que a historia da vila se narra en torno ao que sucede nas súas salas de cinema. Dous alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Dunia Álvarez e Rubén Domínguez, estudantes de Comunicación Audiovisual, veñen de realizar un estudo para recuperar ese pasado, unha morea de anécdotas articuladas como unha parte importante da historia local. Naceu como un traballo para a materia do profesor Miguel Anxo Fernández, un dos críticos de cinema máis recoñecidos de Galicia, impulsor e estudoso do cineclubismo, que froito desta paixón, nas súas aulas alenta ao alumnado a inmiscirse no universo das vellas salas de cinema. Nuria e Rubén decantáronse pola súa vila natal e sinalan que eles mesmos están sorprendidos da riqueza das experiencias que se desenvolveron ao redor dos cinemas grovenses. “Persoalmente sabía da existencia do Besada e do Marino, porque aínda me toucou ir ao cine a eles, pero dos outros non tiña constancia e sorprendeume que nunha vila tan pequena houbese tanta actividade cultural”, confesa Rubén Domínguez. Por iso, o que comezou como un traballo de clase, transformouse nun proxecto documental máis amplo. “Démonos conta da cantidade de material que tiñamos e de que a súa consistencia daba para elaborar un bo documental”, comenta Rubén. O seu obxectivo é dar a coñecer non só como funcionaba o cinema, senón todo o que se movía ao seu redor. Non se atreven a fixar unha data para a estrea, posto que queda moito material por diante para revisar, pero desexan que esta poida ser no vindeiro outono.

Un negocio de emprendedores

A maioría dos cines do Grove foron impulsados por emprendedores empresariais da súa época. José Besada, que tamén era propietario dunha panadería e dun ultramarinos, foi o pioneiro. Abriu a súa sala en 1914, pero como teatro. Xa no ano 21 comezou a proxectar filmes mudos, acompañados por el mesmo ao piano. Nesa altura aínda non había electricidade na vila e Besada tivo que facerse cun xerador de carburo para facer isto posible. O seu cine seguiu funcionando ata 1976 como un centro de promoción cultural, no que mesmo Castelao deu un mitin antes do estalido da Guerra Civil.

Cinema ambulante

Do cinema Novedades non teñen referencias exactas da súa fundación, pero si saben que xa nos anos 20 proxectaba cinema mudo, acompañado tamén por música en directo. Permaneceu aberto ata o ano 1931, coincidindo coa chegada do cinema sonoro, pois os seus proxectores non estaban preparados para el. Como curiosidade, Dunia e Rubén contan que tiñan un proxector portátil e que ían polas aldeas dos arredores a facer sesións. “Improvisaban uns talos como butacas e unha saba branca como pantalla. Funcionaban como unha especie de Festival de Cans, pero con menos medios”, apunta Rubén. Reconverteuse en salón de baile e acolleu acontecementos sociais, bailes benéficos e grandes actuacións, entre as que destaca a de Antonio Machín.

O Anduriña foi o que tivo unha vida máis curta, fundado en 1949 por Francisco Bouzas e pechado seis anos despois por mor da emigración da familia e tras sufrir un incendio e unha inudación.

Do cinemascope á crise das salas

No ano 1944 outro home de negocios, Francisco Lores, propietario da maior conserveira da vila, abriu na rúa Castelao o Cinema Marino, o máis grande, cunhas 1.000 butacas e que foi o introdutor no Grove do cinemascope. Resistiu ata o albores do século XXI, agonizante pola competencia dos multicines e das políticas das distribuidoras. Pechou definitivamente en 2004, coincidindo coa crise xeralizada das salas de cinema.

Ademais dos protagonistas directos desta historia, os dous estudantes consultaron tamén outras fontes, como o arquivo municipal ou expertos na materia e lograron reunir numerosa documentación (licencias de apertura, tickets, anuncios...). Gravaron a todas as testemuñas para facer unha montaxe audiovisual que presentaron como traballo final da materia. O seu obxectivo agora é darlle un formato final de documental para poder proxectalo no outono. Aínda que no Grove xa non existe ningunha sala de cinema, coas numerosas anécdotas recadadas por Dunia e Rubén constataron que si deixaron unha fonda pegada. “Hai historia, e para rato”, din.