Un grupo de estudantes estrea a adaptación da obra “Demostración” para achegar as matemáticas á sociedade
A obra de David Auburn recibiu un premio Tony e un Pulitzer
Matemáticas e teatro. Ciencia e arte unidas da man dun grupo de estudantes e profesores que, co obxectivo de achegar a disciplina matemática ao público en xeral, puxeron en marcha a posta en escena de Demostración (Proof), obra escrita por el norteamericano David Auburn.
Logo de máis de sete meses traballando na tradución, adaptación, decorados e ensaios, o Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria acolleu a estrea da obra, que é un verdadeiro ensaio sobre os límites.
Segundo explica unha dos catro profesores do Departamento de Matemáticas implicados nesta iniciativa, Carmen Quinteiro “a nosa idea é achegar o noso campo de traballo á comunidade universitaria e á sociedade en xeral, e que mellor maneira que a través do teatro, é unha actividade de información”.
Xunto con estes docentes, están implicados neste proxecto un grupo de estudantes de Química e de Relacións Laborais “titulacións nas que nos impartimos docencia; propuxémoslle a idea e o resultado é o que presentamos aquí”, subliña Carmen Quinteiro.
Levada ao cine no 2006 por John Madden co título de A verdade oculta, Demostración recibiu un premio Tony e o seu autor, David Auburn, un Pulitzer de teatro en 2001.
Dúas mentes prodixiosas asediadas pola loucura
Aránzazu Atanes é Catarina, unha estudante universitaria que abandona a súa carreira para coidar ao seu pai, Roberto, interpretado por Miguel Quiroga, un brillante matemático que acaba sufrindo unha enfermidade mental que o leva a pensar que os alieníxenas lle mandan mensaxes secretas a través dos números decimais Dewey. Trala morte do pai, a protagonista debe recobrar a normalidade da súa vida seguindo os consellos da súa irmá, á que se enfronta. Pero Catarina vive co medo de desenvolver a mesma doenza do pai e comeza a ter visións do morto. Ademais, Alberto, un dos pupilos do matemático pretende revisar a prolífica obra creada durante o proceso de loucura do mesmo na procura de material publicable. Pero o que atopa é un caderno cunha demostración matemática que pon a proba a todos os personaxes.Demostración pretende así ser unha viaxe psicoanalítica dos altibaixos das mentes prodixiosas de pai e filla ao tempo que presenta ao espectador unha morea de teoremas e números primos.
Matemáticas, loucura, xénero, drogas e creatividade
As matemáticas están presentes en toda a obra con números primos, números negativos, números reais... pero non tamén se presentan no argumento reflexións obre a marxinación das mulleres na historia das matemáticas, sobre a proximidade entre xenialidade e loucura, sobre as drogas e a creatividade, sobre a importancia da idade nos procesos creativos ou sobre os estereotipos dos matemáticos e o seu talento.Para Carmen Quinteiro, se a finalidade da obra é achegar as matemáticas á xente, a obra estréase con vocación de continuidade e “representarémola tamén no campus de Pontevedra. Despois haberá un inevitable parón polos exames a as vacacións, pero á volta levarémola a Ourense e probablemente a Coruña e Santiago”, explica.