O grupo Pont-e recolle máis de 50 quilos de comida para o Banco de Alimentos de Vigo
Cos apuntes nun brazo e un kilo de alimentos imperecedoiros baixo o outro. O grupo de Facebook Pont-e, creado polos estudantes da materia Diseño publicitario e multimedia, prometía ser un motor dinamizador na sociedade pontevedresa a través das redes sociais e, de momento, cumpre a súa promesa. Ao longo da mañá deste xoves situou na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación un punto de recollida de alimentos para o Banco de Alimentos de Vigo. 50 quilos de garavanzos, lentellas, pasta ou atún que nesta cadea solidaria chegarán ata os veciños máis necesitados.
E é que esta institución sen ánimo de lucro encárgase de buscar alimentos gratuítos, que almacena, clasifica e logo distribúe entre centros asistenciais como o albergue San Javier ou o comedor dos Pobres de San Francisco en Pontevedra. A relación entre esta institución e a facultade non é nova. Hai uns meses un grupo de estudantes, dirixidos polo profesor Alberto Dafonte, realizou unha campaña para dar a coñecer o seu labor e desdramatizar o tema da axuda contra a fame. A campaña estivo nominada no Festival Internacional de Publicidad Social no apartado Jóvenes talentos. Precisamente desta iniciativa chegou o contacto co Banco de Alimentos, que casaba á perfección coa liña solidaria iniciada polo grupo coa acción Pont-e a ser feliz mediante a que os estudantes regalaban bens intanxibles como bicos ou abrazos na Praza da Ferrería.