DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coorganizado pola Universidade de Vigo e a Real Academia Galega de Ciencias

Homenaxe in memóriam por José Juan Pazos “un dos bos e xenerosos que apostaron por facer da nosa unha sociedade mellor”

O acto incluíu a plantación dunha oliveira e a colocación dunha placa na súa lembranza

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/05/2024

A Universidade de Vigo e a Real Academia Galega de Ciencias celebraron este xoves na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación unha homenaxe in memóriam a José Juan Pazos Arias, catedrático de Enxeñaría Telemática e académico numerario da RAGC, falecido o pasado mes de decembro e quen deixou unha fonda pegada e un  inmenso baleiro en ambas institucións, tal e como se puido comprobar neste acto de homenaxe. Con numerosas lembranzas tamén para os docentes Manolo Ramos, de quen este venres se cumpren dous anos do seu falecemento, e Fernando Isasi, falecido en agosto de 2023, o acto rematou coa plantación dunha oliveira e a colocación dunha placa na súa lembranza.

Foi un acto cheo de emocións e agarimo, “sinxelo, pero moi sentido”, no que se repasou a traxectoria profesional e o talante dunha persoa “clara, pausada, categórica”, “un puntal”,  “un apoio permanente”, un firme defensor dos valores da docencia e a investigación”, “alguén decidido, enerxético, comprometido cos seus amigos, capaz de unir aos que o rodeaban e de animalos a afrontar retos relevantes”, alguén que, tal e como se repetiu en numerosas ocasións ao longo do acto, quedará para sempre na memoria de todos cantos colaboraron con el.

Unha persoa que deixa “unha pegada importantísima”

En presenza da súa muller e os seus fillos, o reitor, Manuel Reigosa; o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio; a directora da escola, Rebeca Díaz, e o académico e profesor emérito da UVigo, Pedro Merino, dedicaron sentidas palabras a Pazos Arias. “A súa é unha pegada importantísima e, polo tanto, mentres nós esteamos vimos non vai ser esquecido. Formará sempre parte de nós a nivel persoal e tamén institucional”, subliñou o reitor, quen se referiu a este acto como “un intre de celebración na memoria dun xigante”, “debemos festexar ter tido a sorte de compartir tempo e espazo con el, porque todos aprendemos del e isto será parte importante da súa pegada”, “foi un dos bos e xenerosos que apostaron por facer da nosa unha sociedade mellor”.

Pero se alguén espertou a emoción das numerosas persoas que asistiron ao acto foi un dos seus máis directos colaboradores, o catedrático de Enxeñaría Telemática Martín López Nores, ex-alumno de Pazos, quen lle dirixira o seu proxecto fin de carreira e a súa tese de doutoramento e con que compartiu infinidade de horas, tanto na súa querida Escola de Enxeñaría de Telecomunicación como na reitoría, como parte do equipo encargado do proceso de dixitalización da UVigo. Con emoción contida foron tamén as verbas do catedrático Fernando Pérez, ex-alumno, amigo e padriño no seu ingreso na RAGC, e as do director de atlanTTic, Martín Llamas, “con quen compartiu os tempos sempre heroicos de nacemento da escola”, tal e como lembrou Merino.

Na súa intervención, Martín López destacou a preocupación do homenaxeado polo uso que se lle podía dar ás crecentes ordes de magnitude que se ían alcanzando en capacidades de almacenamento e de cómputo, velocidades de transmisión de información… “De aí que chamase ao seu grupo Servizos para a Sociedade da Información, xa que todo iso tiña que poñerse ao servizo da sociedade. Tivo a lucidez de  identificar o potencial de combinar conceptos e tecnoloxías incipientes como eran as dos sistemas recomendadores e a Web Semántica, albiscando aplicacións en innumerables dominios. Estaba especialmente satisfeito polos impactos que fomos conseguindo en aplicacións do noso grupo en áreas da saúde e o patrimonio cultural”.

Clave na posta en marcha e consolidación da EET

Natural do concello pontevedrés de Baiona, José Pazos era enxeñeiro de Telecomunicación (1987) pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e doutor enxeñeiro de Telecomunicación (1995) por esta mesma Universidade. En novembro de 1988 incorporábase como profesor asociado a tempo completo á Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Santiago de Compostela, naquel momento única universidade de Galicia. Coa creación da Universidade de Vigo en xaneiro de 1990, o docente e investigador participou activamente na xénese e consolidación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, encargándose da posta en marcha de varias materias e laboratorios da especialidade de Telemática.

Investigador do Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, atlanTTic, e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias desde 2016, Pazos Arias participou en numerosos proxectos de investigación de ámbito nacional e internacional, así como no desenvolvemento de novos servizos e aplicacións para a Sociedade da Información. Foi autor duns 200 artigos en revistas, capítulos de libros e congresos de relevancia de ámbito internacional, director de oito teses de doutoramento e de máis de trinta proxectos de fin de carreira. 

No relativo á  xestión, ocupou cargos como subdirector da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, director do Departamento de Enxeñaría Telemática ou director da Área de Novas Tecnoloxías da Universidade de Vigo.

Achegou á RAGC a súa perspectiva das TICs na sociedade galega 

O seu traballo no campo da personalización dos servizos dixitais foi recoñecido co seu ingreso na Real Academia Galega de Ciencias en 2016, un premio á súa traxectoria ao que o investigador correspondeu coa súa acertada perspectiva do presente e futuro dos TICs na sociedade galega. Nesta liña, Fernando Pérez, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e as Comunicacións da UVigo e académico da RAGC, lembrou que “en 2015 tiven a oportunidade de nomear a José como candidato a formar parte da RAGC. Á vista do seu brillante currículo, a miña proposta foi acollida moi favorablemente. No seu discurso de ingreso, titulado Crecemento exponencial da información. Do Big Data ao Small data, ilustrounos sobre como cada vez se facía máis difícil navegar no océano de información e como ao mesmo tempo se abría a oportunidade de desenvolver novas ferramentas baseadas en intelixencia artificial para recomendar contidos aos usuarios”.