DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O I Festival Ensaiamos sube ao escenario ás bandas emerxentes do panorama universitario

Bucle Infinito, Shanga e Lethal vice son tres dos grupos que ensaian habitualmente no Vidal Bolaño

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/05/2008

Reggae, funky e metal. Tres estilos para tres bandas que representaron ás 20 formacións que toman parte no programa Ensaiamos, que este xoves tivo a súa posta de largo coa celebración do seu primeiro festival. Un concerto conxunto de Bucle Infinito, Shanga e Lethal vice ante o seu público no Teatro Vidal Bolaño foi a confirmación dunha iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes que botou a andar no 2006. Trátase de proporcionar un espazo de ensaio e o material necesario aos grupo musicais formados no seo da Universidade pero, con este primeiro concerto, a finalidade é tamén darlle un pequeno impulso á súa carreira musical. Para isto, seleccionáronse tres bandas, entre todas as que ensaian no teatro ao longo do curso, pola súa calidade e polo seu repertorio e para que poñan en práctica, subidos a un escenario, o seu bo facer. Os encargados de abrir o concerto, Bucle Infinito, quixeron animar a todos os músicos que forman parte da comunidade universitaria a achegarse ao programa Ensaiamos, pero tamén ao escenario, "que hoxe aquí somos tres banda, pero hai moitas máis", subliñou o seu vocalista.
O Festival Ensaiamos nace xa con espírito de continuidade, xa que a aposta da Vicerreitoría e continuar co traballo vinculado a este iniciativa de dinamización, “un traballo que se desenvolve por etapas”, segundo subliña Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais. E, precisamente agora, se está a cavilar na seguinte desas etapas, a de gravación: “é un proxecto de futuro que, con tempo, nos gustaría poñer en marcha e que lles permitiría aos grupos gravar as súas propias maquetas”, unha iniciativa que case permitiría ás bandas, grazas a Ensaiamos, pechar todo un ciclo musical que pasa polo local, o concerto e a gravación.

O éxito do programa Ensaiamos

Tras dous anos de experiencia, ao programa Ensaiamos non lle queda xa nada por demostrar. Os números avalan a aposta da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes: vinte grupos que comparten e se reparten un espazo de ensaio, o Teatro Roberto Vidal Bolaño durante as horas das que se dispón do mesmo á semana. Para facilitarlle a tarefa aos estudantes, dende a Vicerreitoría ofréceselles de xeito compartido unha batería, un amplificador para baixo, unha mesa de mesturas, altofalantes amplificados e micrófonos co seu correspondente cableado. Trátase de dinamizar a cultura musical e os grupos, que para tomar parte nesta iniciativa unicamente teñen que contar entre as súas filas cun estudantes da UVigo no caso de ser tres membros e con dous no caso de ser catro ou máis os integrantes.
Nestes dous anos de vida do proxecto Ensaiamos o número de solicitudes sempre cumpriu as expectativas ata o punto de non ampliar o número de participantes porque non se dispón de máis horas para os grupos, aínda que, como subliña Alfonso Caride, “poderíamos facer un esforzo por encaixar horario e ampliar de 20 a 30 o número de prazas”.