Importante vitoria do equipo de xadrez ante o Marcote A, dobre campión de España
O equipo escolar xa é lider da Segunda División Galega ao imporse ao Najdorf
A vitoria desta fin de semana ante o Marcote A encheu de folgos ao Universidade de Vigo de Xadrez. Ante o que leva anos sendo o mellor equipo galego e un dos mellores a nivel nacional, os universitarios acadaron un novo resultado positivo que os sitúa no quinto posto da clasificación, por riba do propio Marcote A, nun incómodo sexto lugar.
O encontro semellaba complicado, xa que o Universidade de Vigo medíase ao gañador dos últimos 15 Campionatos Galegos de Clubs e dúas veces Campión de España, pero os vigueses foron quen de impoñerse cun marcador final de 2.5 - 3.5. Unha das claves do encontro foi o debut do Gran Mestre Internacional de Arxentina, Alexandro Hoffman, olímpico co seu país e afincado en Galicia, co que o Universidade poderá contar nalgúns encontros.
Fronte ao Marcote A, obtivéronse dúas vitorias, tres empates e unha derrota. As partidas máis positivas foron as dos Mestres Internacionais Rafael Rodríguez e Roberto Páramos, que estiveron cómodos nos seus respectivos taboleiros e cunha clara vantaxe dende o comezo. Os empates viñeron da man do debutante co equipo universitario Alexandro Hoffman, Manuel Pena e do Campión Galego sub18, Miguel Senlle, que loitou anta o derradeiro intre da partida co portugués Padeiro. A cara negativa da xornada foi a derrota do capitán, Pablo García, algo ao que non están acostumados os universitarios, xa que é a primeira vez que perde nesta liga.
Empatados a puntos co cuarto clasificado, o Universidade é quinto na súa terceira tempada na máxima categoría e está a tres puntos do líder, o Círculo Ferrolán de Xadrez. Con todo, as dúas vindeiras xornadas poden ser decisivas para os vigueses, xa que se medirán aos dous últimos clasificados e poderían dar un importante salto na xeral. A vindeira fin de semana visitará o campus o Safa A da Coruña, ascendido neste ano e penúltimo pola cola a tres puntos da salvación. Unha vitoria serviríalles aos universitarios para meterse entre os catros primeiros da División de Honra.
Pleno do equipo escolar que xa é líder
O Universidade de Vigo- Xadrez Galego, que se estrea este ano na Segunda División está a dar moita satisfacción ao club. E é que o equipo escolar xa é líder da táboa ao imporse con contundencia, 4-0, ao Najdorf de Pontevedra.Aínda co bo sabor de boca deixado polos títulos obtidos nos Campionatos Galegos de Idades a pasada semana, Cebrián, Vila, Villar e Alonso acadaron un pleno de vitorias neste encontro que os sitúa líderes cunha vantaxe de medio punto sobre o segundo e de dous puntos e medio sobre o terceiro.
O vindeiro sábado xogarán en Tui ante o Infortui B, terceiro clasificado, nun encontro que se presenta complicado pero emocionante, xa que lles pode servir para aumentar a distancia nos postos de ascenso á Primeira División.