Incorporación de Asia como destino dos bolseiros de posgrao da Fundación Barrié
Ata o 31 de marzo a convocatoria está aberta a titulados galegos cun proxecto académico ou investiga
Co propósito de identificar e apoiar a titulados universitarios que, estando vinculados a Galicia, conten cun proxecto académico, científico ou profesional de interese para a comunidade, a Fundación Pedro Barrié de la Maza convoca 32 bolsas de posgrao para a ampliación de estudos e estancias de investigación nas mellores institucións educativas dos EE.UU, países da Unión Europea e de Asia. Precisamente a novidade desta décimonovena convocatoria reside na posibilidade de acceder a centros de prestixio do continente asiático para cursar programas de máster, preferentemente MBA.
A Fundación proporciona aos bolseiros de posgrao no estranxeiro unha asignación mensual e cobertura para os gastos de matrícula, transporte e seguro, ademais de ofrecerlles asesoramento integral durante a duración da axuda e por a súa disposición a rede de coñecemento e apoio da súa Asociación de Bolseiros, que actualmente reúne a máis de 600 asociados.
O prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o 31 de marzo e os interesados poderán atopar toda a información, as bases e os formularios na páxina www.fbarrie.org.
Perfil do candidato
Ademais de ter nacido a partir de xaneiro de 1972, un requisito indispensable para optar a unha das bolsas da Fundación, é ser fillo de pai ou nai galego e residente en Galicia. Tamén se contempla a posibilidade de admitir candidatos que teñan cursado os seus estudos nalgunha das tres universidades da nosa comunidade, sempre que dispoñan de nacionalidade española.No tocante ás condicións académicas, é imprescindible ter un bo expediente académico, dominar a lingua de traballo do país de destino e ter rematado a licenciatura ou realizar o último ano de carreira durante o curso 2007/2008.