DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Infancia e morte na estrea das curtas “Palíndromo” e “O máis rico (do cemiterio)”

Jorge Fernández e Eva Quintas, antigos estudantes do centro, son os directores dos proxectos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 12/06/2008

Unha historia baseada nas vivencias infantís fronte a outra que aborda a morte e a ambición. Así son as dúas curtametraxes que se presentarán este venres na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O máis rico (do cemiterio), de Jorge Fernández e Palíndromo, dirixida por Eva Quintas, filmes de temáticas dispares pero con dous denominadores comúns: os mesmos profesionais tras as cámaras e ter obtido o apoio da Axencia Audiovisual Galega. Segundo comentou Jorge Fernández, “escollemos a nosa facultade para a estrea porque colaborou moito prestándonos material, pola dispoñibilidade que ofrece e tamén pola vinculación que tanto Eva como min temos co centro”, apuntou o novo director.
Ademais, Fernández subliñou que o equipo técnico das dúas obras está composto case integramente por titulados da segunda promoción de Comunicación Audiovisual, a mesma formación da súa anterior curtametraxe, Premio, que obtivo o recoñecemento en diversos concursos como o da Universidade de Vigo ou Arteficial de Ribadavia.

O máis rico (do cemiterio)

A morte retratada como unha oportunidade para mellorar a vida. A morte dos outros, claro. Esta é a premisa da que parte O máis rico (do cemiterio), unha curtametraxe para a que o seu director, Jorge Fernández, contou co actor Avelino González, encargado de estimular a emoción do espectador a través da intriga e o suspense. Segundo explicou o responsable do proxecto, “O máis rico (do cemiterio) aborda un tema característico e moi representativo da idiosincrasia galega: a morte. A historia confronta esta realidade co crime perfecto, unha das ideas que máis veces foi retratada na historia do cine”, afirmou Jorge Fernández.
Deste xeito, ao longo de 12 minutos, o filme conta a historia de Rafael, un traballador dunha empresa funeraria que, ao mesmo tempo, é vítima dela. O protagonista atopa un oco neste mundo para gañarse a vida empregando un método infalible para roubar casas sen levantar sospeitas, revisando cada día as notas necrolóxicas que saen nos xornais. A través dos apelidos e nome dos cidadáns que faleceron, pode saber a que hora estarán os seus pisos baleiros e mediante a guía telefónica coñecer o seu enderezo e saber o número ao que deben chamar para confirmar que non hai ninguén.

Palíndromo

Despois do éxito da produción da curta Premio, que foi proxectada en cidades como Bruxelas ou Lisboa, Eva Quintas tenta con esta nova narración achegarse ao mundo infantil da man da actriz María Sampedro. Xunto a unha visión colorista da vida, o filme destaca por posuír unha estrutura palindrómica, isto é, a historia non cambia se é vista de diante cara atrás ou de atrás cara diante. Unha comedia reversible, que combina a procura da plasticidade coa lembranza dos recordos dos nenos.