Na clausura da 2ª edición do Curso de Especialista en Dereito da Seguridade Social
Jaime Aparicio defende a Seguridade Social como piar do estado de benestar
A crítica á derradeira reforma da Seguridade Social, en 2007, puxo punto e final á segunda edición do Curso de Especialista en Dereito da Seguridade Social cunha conferencia ofrecida polo catedrático da Universidade de Castela- A Mancha, Joaquín Aparicio. Coa presenza do vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, da decana da Facultade de Dereito, Inés Iglesias, do director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social, Jesús Blanco e dos directores do curso, Jaime Cabeza e Francisca Fernández, os máis de 40 profesionais asistentes deron por concluído o curso de actualización de coñecementos ao que dedicaron 256 horas.
Foi Cabeza o encargado de presentar ao relator escollido para pechar “a pequena andaina que supoñen os cursos de especialización, un dos grandes compromisos da Universidade coa sociedade”. Nesa mesma liña, Membiela resaltou que “como funcionario público e en nome da institución á que pertenzo, creo que é a nosa obriga defender os intereses colectivos e estar ao servizo da formación permanente” dixo. Pola súa banda, Blanco expresou a súa enorme satisfacción polo resultado do convenio entre o INSS e a TGSS coa Facultade de Dereito “para incrementar os coñecementos dos profesionais presentes e futuros e vencellar ambas institucións mesturando o maxisterio coa praxis”. O obxectivo non é outro, por tanto, que “perfeccionar a formación para dar un mellor servizo á cidadanía, que na súa práctica totalidade pertence á Seguridade Social” concluíu antes de dar paso a Joaquín Aparicio e a súa visión crítica do sistema.
A Seguridade Social, piar do Estado de Benestar
Aparicio foi elixido para clausurar o curso pola súa fonda contribución á construción dun pensamento liberal en defensa dun sistema público nun tempo no que gran parte da sociedade dubida da viabilidade a medio prazo da Seguridade Social. O catedrático non só defende o seu importante papel como piar básico do Estado de Benestar senón que o eleva á categoría de “peza esencial do Estado de Dereito, que é tanto como dicir que sen ela careceriamos de vida civilizada tal e como a entendemos” explicou declarándose un “namorado da Seguridade Social, xa que coñecela a fondo é amala xa que garante os dereitos da cidadanía e iguala ás persoas”.Sobre os seus principios básicos declarou que dada a natureza egoísta do home, a Seguridade Social é sempre pública e obrigatoria, rexida polo principio de solidariedade imposto, “xa que se te beneficias dunha sociedade tes que colaborar con ela e os mozos teñen que cotizar para as pensións dos vellos, os sans para os enfermos e os ricos para os pobres para que o sistema funcione” explicou. Ademais de ter así a finalidade de redistribuír a riqueza, ten que ser tamén por definición un sistema dinámico que afronte as novas continxencias da sociedade xa que o seu obxectivo “é dar prestación aos individuos, que son considerados suxeitos protexidos”.
Un sistema de futuro
A reforma do sistema, na lei 40/2007 introduciu, en verbas de Aparicio principios contrarios á filosofía da Seguridade Social “como son o de contributividade, proporcionalidade e equidade, que postulan que un recibe o que dá” contradicindo o fin de redistribución de riqueza e rompe o principio de solidariedade interxeracional. explicou. “O erro e que pensamos que cotizamos para o noso futuro e non para o presente dos demais”. O lastre que supón a lexislación aprobada por todas as forzas políticas no Pacto de Toledo en 1995 foi froito do clima de crispación política que se vivía na época “sobre a quebra inminente da Seguridade Social, que os bancos demostraban que se produciría en 2005”. O sistema sobreviviu debido o seu propio dinamismo e sobrevivirá “sempre que haxa vontade de que así sexa porque pode financiarse de múltiples xeitos”. É máis, neste momento goza de moi boa saúde “ten incluso superávit, e o conto da crise xa non o cre ninguén e procede dos ventos ultraliberais europeos cando é un sistema administrado con moita eficiencia e que está fóra de toda discusión política” finalizou.