DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Publicacións lanza unha edición anotada con propostas de actividades e lecturas

'Desde el jardín, las estrellas', un libro que é unha fiestra ao universo

A catedrática Ana Ulla é a autora dos textos, e Rita Landeiro, das ilustracións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI 26/07/2024

Unha paixón astronómica compartida por un lagarto, Lorenzo, e un neno, Mateo, durante unhas vacacións de verán. Este é punto de partida de Desde el jardín, las estrellas, un libro que abre unha fiestra infinita ao universo, ao ceo, ás estrelas. A obra que Ana Ulla, catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo, publicou inicialmente en 2015, acaba de saír de novo do prelo da man do Servizo de Publicacións da UVigo cunha edición anotada con propostas de actividades e lecturas. Nesta ocasión, Ulla está acompañada por Rita Landeiro, autora das ilustracións, e por Hermelinda Lago, que se encargou da asesoría pedagóxica.

A catedrática lembra que a suxestión de facer unha edición anotada do libro chegoulle do director do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, Jorge Luis Bueno, “a quen agradezo enormemente todo o apoio prestado”. A idea era “ampliar o horizonte do manuscrito de 2015 incorporando actividades despois de cada capítulo, xunto con apuntamentos ou suxestións que esperamos sexan de utilidade para lectores, docentes e familias”. 

Do lagarto Lorenzo e o firmamento

Como explica Ulla, o libro busca proporcionar coñecementos básicos de astronomía e astrofísica nun contexto cotiá, en formato literario para intentar fomentar entre nenos e nenas o aprecio polo planeta e polo universo e polo coñecemento e a ciencia en xeral. O volume integra elementos e actividades pensados para que as e os lectores se inicien na investigación científica, pero sen deixar de lado contidos humanísticos, como o debuxo e a escritura. Desde el jardín, las estrellas está pensado para nenas e nenos de 4º a 6º de Primaria pero o plantexamento do proxecto é o de ofertar opcións versátiles de lectura e lecer, nun contexto de iniciación básica á investigación científica, que se poidan abordar individualmente, con amigos, na aula ou en familia.

O fío condutor do libro é a relación de amizade entre o lagarto Lorenzo e Mateo, un neno de 12 anos, unidos polo interese común sobre o coñecemento astronómico do ceo. “É unha historia que pode resultar familiar para moitos nenos e nenas, pero entretecida con información rigorosa de astronomía e bioloxía que invita á reflexión, á busca de respostas científicas e ao desenvolvemento do sentido crítico sobre a vida e o universo. Con todos estes ingredientes podemos dicir que o libro encádrase na filosofía STEAM e, así, esperamos poida contribuír ao fomento de novas vocacións científicas e técnicas”.

Aínda que Ulla ten unha ampla experiencia no eido da divulgación, este é o seu primeiro achegamento á literatura infanto-xuvenil. “É o primeiro intento deste estilo, un proxecto moi dilatado no tempo... por falta de tempo” pero aínda así xa está a perfilar futuras actividades. “As ideas son gratis e, dende 2016, xa teño moitas ideas en mente para seguir escribindo historias nesta mesma dirección; teño incluso unha segunda novela comezada, con novas peripecias dos protagonistas, pero sen acabar. Tamén teño a idea de traducir o libro ao inglés, pero tampouco dou sacado tempo. Gustaríame non ter que esperar á xubilación para seguir escribindo sobre Mateo e Lorenzo pero, de momento, realmente paréceme a única opción”. 

Actividades paralelas

Sobre as actividades prácticas, o libro por exemplo anima aos nenos e nenas a buscar información sobre a construción dun telescopio, o uso de prismáticos ou dun planisferio, pero tamén se propón a teatralización dalgunha parte do texto ou a redacción en inglés de xeito creativo, entre varias outras cousas.

Como actividade final complementaria, o libro inclúe a posibilidade de facerlle chegar a Ulla opinións, escritos ou debuxos de parte de quen o lea se así o desexa a través do “método antigo”, por carta postal ao seu despacho na UVigo. “Internet e todas as novas formas de comunicación son boas e útiles, pero nós pensamos que a redacción por carta segue tendo un papel importante e, como a astronomía básica de posición: coñecer o ceo para orientarse, sen aparellos nin internet, é e sempre será de enorme utilidade”.

Ana Ulla ocupouse dos textos, Rita Landeiro das ilustracións e Hermelinda Lago da asesoría pedagóxica. A colaboración entre as tres, segundo Ulla, “non puido ser máis frutífera, útil nin enriquecedora. Ambas teñen experiencia docente en Primaria e, polo tanto, a súa perspectiva e asesoramento foi fundamental para construír esta nova versión do libro”. 

Unha aposta pola divulgación da astronomía

Grazas á súa ampla experiencia impulsando iniciativas de divulgación, Ulla pode facer un balance sobre como este tipo de propostas, cada vez máis habituais, permean na sociedade. Considera que todo o relacionado cos descubrimentos astronómicos, astrofísicos, astrobiolóxicos ou de exploración espacial “difúndense, en xeral e habitualmente, por todas partes, e sorprenderíanos o número de nenos e nenas e mozos e mozas que están ao tanto destes asuntos sen telos estudado porque obviamente non entran nos currículos escolares”. Por iso, recalca que “todas as formas adicionais de facilitar os camiños ao coñecemento astronómico son dignas de explorarse e este libro esperamos que sexa tamén unha contribución válida para isto”.