O creador de "El año de la garrapata" mantivo un encontro cos alumnos na última xornada de CultuKata
Jorge Coira, director de cine: “Dedicarse á dirección é kamikaze, pero se é o que che pide o corpo, paga a pena”
Tamén se proxectaron curtas de Eva Quintas, Carlos Alberto Alonso e Roberto Conde
A paixón por contar historias audiovisuais e as gañas de traballar inundaron este mércores a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa exhibición de traballos de directores como Jorge Coira, Carlos Alberto Alonso, Eva Quintas ou Roberto Conde, que compartiron as súas experiencias co alumnado. Ademais, como colofón a CultuKata’09, anunciáronse os nomes dos gañadores dos concursos de fotografía, videocreación e spots.
O director de El año de la garrapata, que actualmente está inmerso na montaxe de 18 comidas, un filme baseado na improvisación, achegou algunhas claves da súa carreira, que comezou a mediados dos oitenta coa realización de “pequenas cousas lamentables”, segundo as súas palabras que, sen embargo, lle serviron para aprender e entrar en contacto con xente como Luís Tosar, Antonio Pereira, Víctor Mosquera ou Evaristo Calvo. Mareas vivas, As leis de Celavella e Padre Casares son grandes éxitos da Televisión de Galicia que contaron con Coira na súa dirección. Sobre as dúas últimas, o director confesou “ter gozado tanto coma en calquera das películas”. A nivel nacional, Coira tamén ten dirixido capítulos de series como El Comisario.
En varias ocasións, o director galego apuntou que moitos aspectos do sector audiovisual, como o da distribución, son “demenciais” pero a pesar diso aconsellou os alumnos “ser libres na narración das historias”. Neste sentido, confesou que os nervios e a presión que sentiu ao traballar na súa segunda película estiveron a piques de arruinala porque "se ben non conseguiu estragala enteira, si que hai algunha secuencia que podería ter saído mellor”.
En resposta ás cuestións dos alumnos, Coira sinalou que “dedicarse á dirección é kamikaze” pero que unha vez escollido ese camiño o importante é “facer cousas porque é como se aprende e para ter proxectos que amosen o traballo”. Coira tamén comentou as súas aproximacións ao mundo dos spots publicitarios, xa que elaborou algún para o Centro Dramático Galego, e apuntou que, como no caso dos videoclips, “son moi bos espazos para a experimentación”.
Maratón de curtas
Tralo encontro con Coira, os estudantes puideron coñecer as primeiras curtas de novos directores. Así, Eva Quintas, que tamén imparte clases na facultade, presentou Premio, unha curta realizada en 2006 ao rematar a carreira e que naceu dun proxecto presentado durante a mesma. Pola súa parte, Carlos Alberto Alonso exhibiu The End e As Muxicas, unha cinta feita en Galicia pero con produción catalana que levou máis de 13 premios nos 160 festivais nos que foi proxectada. Ademais, amosou un pequeno adianto dun dos proxectos nos que traballa, un documental sobre o músico ferrolán Roger de Flor. A última intervención do día foi a de Roberto Conde que sorprendeu ao público con Amor a catro patas, que conta a historia dun home namorado dunha burra.Premios de fotografía, videocreación e spot
O broche de ouro de CultuKata’09, que xa deixa paso á celebración que ao longo de todo o día de mañá se fará de Santa Kata, púxoo o anuncio dos gañadores dos concursos de creación celebrados entre os alumnos da facultade. Na modalidade de fotografía, o premio foi para Pablo Pedrido, alumno de segundo de Publicidade e Relacións Públicas; en spots, o galardón levouno o grupo formado por David Souza, María Vázquez e Cristina Veiga, cun anuncio de videocámaras “Rony”; na categoría de videocreación a historia de amor entre un flexo e un trípode creada por Roi Caamaño foi a gañadora. Para cada un deles o premio será un bono nun spa.Completada a programación cultural, mañá chega o día grande para a facultade. A organización preparou unha completa oferta de xogos, concursos e actividades para celebrar a festividade de Santa Catarina de Siena. A festa estará amenizada polos concertos de grupos como Sucias Ratas, Equilibrio H, Drama, Skarallaos e Estraperlo a partir das 19.00 horas.