DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus celebra un obradoiro para ensinar ao alumnado a enfrontarse ao contexto universitario

Un 'kit' para sobrevivir un pouquiño mellor na universidade

Técnicas de estudo e autocoñecemento son algúns dos aspectos que se abordan

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 09/03/2011
O primeiro ano na universidade é especialmente duro para o alumnado. Enfróntanse a un novo lugar de estudo, un novo grupo de amigos, unhas novas rutinas de traballo e relacións e uns novos retos persoais e académicos. Para axudalos nesta adaptación, un dos obradoiros que este cuadrimestre organiza a Vicerreitoría do Campus ofrécelles un “kit de supervivencia”. Técnicas de estudo, autocoñecemento e información práctica da Universidade son algúns dos seus ingredientes.

Angélica Ferro, psicopedagoga do campus, é a encargada de ofrecer este obradoiro “Kit de supervivencia para estudantes”, que se desenvolve desde este mércores no Edificio de Ferro. “O seu obxectivo básico é dotar aos participantes dunha serie de estratexias persoais e académicas que lles permitan desenvolverse con maior facilidade no seu paso polo sistema universitario, e posteriormente noutros aspectos da súa vida cotiá” explica Ferro. Para acadalo, durante 30 horas, os arredor de 20 estudantes matriculados, afondarán en técnicas básicas de estudo e adaptación ao contexto universitario, tales como elaboración de traballos, comunicación en público ou traballo en equipo, entre outros.

“Un kit de supervivencia para estudantes inclúe estratexias para mellorar o autocoñecemento metacognitivo (os procesos que se activan na mente á hora de estudar como a atención e a concentración); académico (as técnicas de estudo que utilizan e as características da titulación que cursan), e persoal, (relacionado con outras habilidades como a expresión oral, escrita ou a comunicación en público)” salienta a psicopedagoga.

Organización, académica e persoal

Ademais desta aprendizaxe, o obradoiro tamén presenta ao alumnado os diferentes servizos que ten á súa disposición no campus de Ourense, explicándolle as súas características, actividades, localización e todo o necesario para que desde o primeiro ano poidan sacarlle todo o proveito posible a estes recursos.

Con esta combinación de información e desenvolvemento de habilidades os organizadores do obradoiro agardan contribuír a facer máis suave a transición entre o ensino secundario e o universitario. Segundo sinala Ferro, “as dificultades aparecen habitualmente cando o alumnado trata de seguir coa rutina de estudo que empregou ata a súa chegada á universidade. O volumen de materias e un horario a tempo case completo dificultan a súa "supervivencia" se carece dunha boa organización académica e persoal”.

O obradoiro está principalmente destinado a alumnas e alumnos de primeiros cursos das diferentes titulacións de grao do campus, dado o seu perfil académico e persoal especialmente vinculado aos contidos que se imparten. Así, na anterior edición do obradoiro, celebrada en 2010, o 70% dos matriculados estaba en primeiro curso. Completan a asistencia ao curso alumnado de últimos cursos de Psicopedagoxía, interesados como estudantes, pero sobre todo como futuros profesionais, na abordaxe destas cuestións.