Esta tarde, ás 20. 30 horas no Principal, Dicidju de Padida
O labor educativo do teatro e unha mirada lúcida e corrosiva do mundo, propostas culturais no campus
Mañá, Los Torreznos realizarán unha acción artística na Casa das Campás
Unha peza educativa sobre a sida e unha reflexión sobre o mundo en que vivimos, son as propostas que a MITEU e a programación cultural de primavera da Vicerreitoría do campus ofrecen para esta tarde e mañá, respectivamente. Na súa terceira cita en Pontevedra a Mostra Internacional de Teatro Universitario recibe ao seu convidado internacional, o grupo de Teatro do Oprimido da Universidade Lusófona de Guinea Bissau.
Dicidju de Padida (Desexo de nai) é unha boa mostra do labor do teatro como elemento educativo e ferramenta social neste país. Neste caso, a concienciación sobre os riscos da sida, a súa prevención e o uso do condón son os temas sobre os que esta obra pretender reflexionar. E é que a trama da obra xira arredor da historia dunha moza e do seu namorado, un rapaz con outras moitas namoradas en diferentes barrios de Bissau. O elenco de actores formado por Buia Baldé, Jose Carlos Lopes Correia, Serando Camara Baldé, Edita da Silva e Braima Edy Sambs, dará vida ás diferentes personaxes da peza.
A obra, que se representará esta tarde no Teatro Principal ás 20.30 horas, cederá mañá o relevo á Aula de Teatro Universitaria do campus de Ourense, Maricastaña, que interpretará a terceira parte da triloxía do Monstro, Hide.
Lúcidos e corrosivos
Invitar á reflexión sobre o mundo en que vivimos non é un reto doado, moito menos se se pretende facer desde o humor. Sen embargo ese dobre salto mortal será o que pretendan este xoves o dúo Los Torreznos na súa acción artística na Casa das Campás, ás 20.00 horas.Jaime Vallaure e Rafael Lamata levan máis de doce anos traballando xuntos en diferentes proxectos artísticos e, desde 2001, forman Los Torreznos, un “dúo de exploración conceptual no terro social, político e dos costumes máis arraigados”, segundo eles mesmos se definen. Como é característico das súas intervencións performativas, o dúo non deixará indiferente a ninguén xa que, a través das cousas máis sinxelas xeran un “malestar” que invita a unha segunda lectura de cada unha das súas actuacións. Esa mesma filosofía lévana incluso ao seu nome, que fai referencia a un alimento (anacos de touciño cortados en tiras) que se toma como aperitivo. Algo intranscendente, pero que deixa unha forte pegada na boca e no estómago.