Nun foro de diálogo entre as universidades e os axentes económicos de ambas rexións
Laura Sánchez Piñón e Alberto Gago salientan a enorme potencialidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Coa presenza de reitores galegos e o vicepresidente da CRUE
O Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga e a posta en marcha dun posgrao en nanomedicina no que participan as tres universidades galegas e as portuguesas de Minho, Porto e Aveiro, son dous dos exemplos empregados pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, para ilustrar a importancia da denominada Eurorrexión do Coñecemento, “unha realidade económica que se impón pola forza dos feitos” en palabras de Alberto Gago ou “unha área cunha enorme potencialidade que se verá reforzada con novas infraestruturas como o ave Vigo-Oporto”, en verbas da conselleira de Educación.
Estas declaracións foron feitas este mércores no marco dunha xornada Universidade-empresa celebrada no Centro Cultural Caixanova na que se deron cita máis de cen participantes procedentes de universidades e organizacións empresariais galegas e do norte de Portugal. O obxectivo, segundo expuxo a propia conselleira, “pór en común toda unha serie de discusións e actividades e contar coa opinión de expertos de fóra da comunidade que nos permita poñer en valor o coñecemento científico, involucrar ao sistema financeiro e reforzar o vínculo entre as universidades e a empresa”.
Frutíferas relacións científico-universitarias
Ademais do Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía e o posgrao en Nanomedicina, a conselleira de Educación adiantou que xa se está a traballar na posta en marcha de novos proxectos, en concreto, dous posgraos relacionados coas Ciencias Mariñas e Biomedicina pois, segundo expuxo, “os asuntos relacionados coa cooperación con Portugal son unha prioridade estratéxica para o goberno de Galicia.”En opinión de Alberto Gago, “se de verdade queremos que a comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal sexa unha luz que se poida identificar no mapa do coñecemento europeo a estratexia que temos que seguir debe ter varias liñas prioritarias, entre as que cabe destacar, a conveniencia de converxer coa empresa privada, a necesidade de converter a eurorrexión coma o ámbito de referencia para as iniciativas emprendedoras ou promover as iniciativas compartidas de grao e posgrao”.
A transferencia efectiva de resultados e a mellora da formación do capital humano foron os dous grandes obxectivos que se debe marcar a sociedade galega, en opinión da conselleira no referente á xestión do coñecemento.
Unha realidade en cifras
“É unha rexión de máis de 50.000 quilómetros cadrados, que representan o 9% da Península Ibérica, cunha poboación superior aos seis millóns e medio de habitantes”. Estes foron algún dos datos sinalados pola conselleira para destacar a enorme importancia desta eurorrexión.Nesta mesma liña, o reitor vigués apuntou que “o 50% do tránsito de vehículos lixeiros e preto do 30% do tránsito de mercadorías entre España e Portugal prodúcese a través desta rexión e Galicia é o mellor cliente de Portugal, situándose ao nivel de Reino Unido con importacións por valor de 2000 millóns de euros ao ano. Ao mesmo tempo, Portugal é un cliente preferente da nosa comunidade autónoma, pois adquire o 15% de todas as nosas exportacións”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, destacou a importancia da proximidade entre ambas áreas, á que se referiu como unha clara vantaxe competitiva. “A proximidade física, cultural e social permite unha forma máis fluída de transferir o coñecemento e os intanxibles”, sinalou.
A experiencia de Cataluña
Marius Rubiralta, reitor da Universidade de Barcelona e vicepresidente da CRUE, participou na xornada para contar a experiencia da Eurorrexión Pirineos-Mediterráneo e, máis concretamente, o caso de Biocat, un clúster catalán que dinamiza o sector biotecnolóxico e biomédico.Na opinión deste experto, España e Portugal teñen un papel fundamental na construción dunha nova Europa baseada na sociedade do coñecemento, así mesmo quixo destacar a importancia de que as eurorrexións non supoñen a creación dunha nova administración.