DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este venres a graduación da promoción 2007-2012 destes estudos

A licenciatura de Dereito cumpre a maioría de idade

Durante o acto nomeouse como membro honorífico do claustro de profesores da facultade a Silvia Díaz

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 08/06/2012
A Universidade de Vigo é unha institución que no eido académico se considera nova pola súa traxectoria histórica. Sen embargo, as súas titulacións van curso a curso cumprindo anos e algunhas delas xa chegan á maioría de idade. É o caso da licenciatura en Dereito do campus de Ourense, que este venres vén de graduar á súa XVIII promoción. Con 24 novos xuristas estes estudos chegan á maioría de idade e prepáranse xa para extinguirse o vindeiro curso académico, en cumprimento da adaptación ao EEES.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito de Ourense; Eloy Gayán, decano da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, e Ana María Pita, decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, foron as autoridades académicas encargadas de presidiron un acto que, como toda graduación, estivo presidido pola emoción, polo bo humor, polas lembranzas, polos desexos de futuro e polos agradecementos.

“Rematades esta etapa porque xa estades preparados para enfrontar unha nova. O reto que tedes agora por diante é coller o temón da vosa vida e iso non vai depender só das circunstancias, senón tamén de vos mesmos, da vosa capacidade de enfrontar as dificultades sen rompervos. Todo o noso alento para facelo con éxito”, díxolles María Lameiras á promoción 2007-2012 da Facultade de Dereito. Nun tempo marcado pola urxencia e a falla de tempo, Miguel Ángel Michinel animou a esta promoción a cumprir os seus soños de ser os primeiros, de chegar tan alto como desexen e de chegar antes ca ninguén.

Presente de loita, futuro gañado

Jonathan Domínguez e Santiago Paz foron os estudantes encargados de falar en nome dos novos egresados e fixérono destacando o orgullo de ser licenciados en Dereito por Ourense e reivindicando un ensino público e de calidade. Parafraseando a Ernesto Che Guevara Jonathan Domínguez apuntou que ante a difícil situación social e económica que terá que enfrontar esta xeración hai que adoptar a perspectiva de que “se o presente é de loita, o futuro é noso” e animou aos seus compañeiros a saír ao mercado laboral co aval que supón a súa formación universitaria.

Os padriños de promoción, os docente Luis Rodríguez Ennes, presente no acto, e Virxilio Rodríguez, que interveu por vídeo debido a súa estadía na Universidade de Cardiff, animaron tamén aos estudantes a non deixarse render pola situación actual. “Recordade sempre as vosas posibilidades”, díxolles Rodríguez Ennes ao tempo que lles facía fincapé en que a universidade non é un espazo para a acumulación de información senón para a creación de estruturas mentais que permiten afrontar o desenvolvemento intelectual e profesional futuro. “Persistide, é a orde” díxolles Virxilio Rodríguez aos xa titulados empregando un poema de Rudyard Kipling. O docente non quixo deixar de salientar na súa intervención a distancia “o compromiso, a participación activa e a dedicación na aula e fóra dela desta promoción”, destacando o seu traballo en asociacionismo e na organización de actividades.

Primeira muller no claustro de profesores da facultade

Alén do acto de graduación, como vén sendo tradicional, tamén se celebrou o nomeamento dun novo membro honorífico do claustro de profesores da Facultade de Dereito de Ourense. Nesta ocasión a elixida foi Silvia Díaz Alabart, catedrática de Dereito Civil da Universidade Complutense de Madrid. É a primeira muller en entrar neste órgano, do que tamén formou parte o seu falecido marido Manuel Albaladejo. Durante a súa intervención Díaz Alabart defendeu a figura do docente universitario fronte ás críticas, salientando que “a austeridade non é un aspecto novo para os profesores”. A catedrática tamén tivo palabras de ánimo para os novos egresados, dos que, apuntou, “ten a esperanza de que sexan un bos xuristas que honren a Universidade que os formou”.