As ligas universitarias énchense de Erasmus grazas á bolsa de xogadores
50 estudantes estranxeiros forman parte dos equipos
A posta en marcha da bolsa de xogadores fixo posible que, neste curso 2007-2008, se incrementase notablemente o número de estudantes estranxeiros que participan nas ligas universitarias. Arredor de 50 estudantes estranxeiros toman parte nestas ligas, que se desenvolven entre os meses de novembro e abril, e o incremento da súa integración e participación nas actividades da Universidade reflíctese no feito de que tres equipos están formados integramente por alumnos doutros países e noutros dous son maioría. Esta iniciativa da bolsa de xogadores é a gran novidade para este ano, que comeza cun total de 237 equipos inscritos nas cinco modalidades: baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7 e voleibol.
A finalidade desta bolsa é crear un sistema que permita integrarse nos equipos ás persoas que, por ser estranxeiras ou novas na comunidade universitaria, carecen dos contactos precisos para forman un equipo propio.
O deporte con máis adeptos é o fútbol sala, que conta con 108 equipos inscritos, 99 deles masculinos e 9 femininos. Debido ao alto número de inscritos, esta é a única modalidade na que hai ligas diferenciadas nas dúas modalidades en función do xénero.
Outro dos deportes con máis participantes é o fútbol 7, no que toman parte 86 conxuntos, 64 deles no campus de Vigo, 12 no de Pontevedra e 10 no de Ourense. Cabe destacar tamén a situación do baloncesto no campus vigués, que conta con 19 combinados inscritos, seis máis que no pasado curso.
No que se refire aos estudantes estranxeiros, os rapaces optan principalmente polo fútbol7, mentres que elas o fan polo voleibol e o baloncesto.
As cifras por campus
Dos 237 equipos que toman parte nestas ligas, Vigo concentra á maioría, 157, o que corresponde ao seu volume de estudantes. No campus de Ourense inscribíronse 50 equipos, mentres que no de Pontevedra enfrontaranse un total de 30.En Vigo, xunto cos 64 equipos de fútbol 7 mixto, os 57 de fútbol sala masculino e 6 feminino e os 19 de baloncesto mixto tamén participarán 8 de balonmán mixto e 3 de voleibol. No campus de Ourense, os 50 equipos repártense de xeito que 10 son fútbol 7 masculino, 30 de fútbol sala masculino, 2 de fútbol sala feminino, 7 de baloncesto masculino e 1 de baloncesto feminino. Finalmente en Pontevedra, dos 30 equipos, 12 son de fútbol 7 masculino, outros 12 de fútbol sala masculino, 1 de fútbol sala feminino, 3 de baloncesto masculino, 1 de balonmán masculino e 1 de voleibol feminino.
Estrutura de competición
As ligas universitarias, que comprenden a práctica de baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7 e voleibol botaron a andar o pasado 5 de novembro con 237 equipos inscritos. Ata o vindeiro mes a abril desenvolveranse as dúas fases nas que se estrutura a competición: a fase de campus a de intercampus. Na primeira xógase a liga propia de cada campus, e os gañadores, posteriormente, enfrontaranse ais vencedores das ligas dous outros dous campus na fase seguinte.Os gañadores en cada modalidade da fase intercampus serán os encargados de representar á Universidade de Vigo nos Campionatos Galegos Universitarios de Deportes colectivos. No caso de gañar esta competición, os representantes da Universidade clasificaríanse para as Fases Interzonais ou os Campionatos de España.