A autora analizou máis de 600 cancións
A lingua española é máis permisiva que a inglesa á hora de adaptar texto a música
Así se conclúe na tese de doutoramento da filóloga Rosalía Rodríguez
Tras analizar máis de seiscentas cancións populares e de autor en inglés e castelán, a investigadora Rosalía Rodríguez defende a idea de que a correspondencia entre o ritmo da fala, do verso e da música non é total en ningunha lingua, pero “algunhas, como o español, son máis permisivas no tocante ás constricións que poden incumprirse”, tal como ela mesma afirma. Esta é a conclusión que tira do traballo realizado para a súa tese de doutoramento, na que se propuxo como obxectivo principal verificar se o text-setting, é dicir, a adaptación de texto a música, responde a algún tipo de limitación común ao ritmo da fala, ao ritmo poético e ao ritmo musical.
A idea da que parte esta filóloga é que a lingua e a música poden ser suxeitas a análises de natureza similar, posto que ambas son sistemas de signos producidos e percibidos en tempo real. Deste xeito, “para que o seu procesamento sexa posible, o ouvinte ten que organizar a cadea de sons que recibe de xeito sistemático e neste punto é onde entra en xogo o ritmo, por ser un dos métodos empregados para impoñer unha estrutura regular sobre dita cadea”, explica a autora. O núcleo da tese ten que ver coa análise destes elementos en cancións tradicionais e de autor en lingua inglesa e española, compiladas por etnomusicólogos a finais do século XX e principios do XXI.
O estudo levado a cabo ten aplicacións a nivel de musicoloxía, lingüística histórica, teórica e aplicada, así, as conclusións obtidas poden ser usadas para a clasificación tipolóxica das linguas atendendo ao ritmo, o ensino de idiomas estranxeiros coa axuda da música, o estudo da evolución dos patróns rítmico-entoativos do inglés e do español e a análise da prosodia da música vocal tradicional.
A investigadora
Profesora do departamento de Inglés, Francés e Alemán, Rosalía Rodríguez Vázquez cursou a licenciatura de Filoloxía Inglesa na Universidade de Vigo, graduándose no 2001 coa honra de Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Ao mesmo tempo acadou o título de Profesora Superior de frauta traveseira no Conservatorio de Música de Vigo.Un ano máis tarde recibiu unha bolsa de posgrao da Fundación Caixa Galicia para realizar un máster en Lingüística e Música na Universidade de Edimburgo e no 2003 rematou os cursos de Doutoramento en Lingua Inglesa na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde no 2004 defendeu a súa tese de licenciatura.
Durante os anos 2003-2007 foi bolseira predoutoral da Xunta de Galicia e como resultado das investigacións realizadas, Rosalía Rodríguez doutorouse no 2007 pola Universidade de Edimburgo e en decembro do mesmo ano obtivo o título de Doutora coa calificación de sobresaínte cum laude pola Universidade de Vigo coa súa tese A relación entre a prosodia lingüística e o ritmo musical en inglés e español.