Este martes entregáronse os Premios GirlGeekPower na sede da Deputación
Un lustro premiando os mellores expedientes femininos da UVigo en Ciencias e Enxeñaría
As galardoadas agradeceron o apoio das súas familias e a iniciativa de UVigo e Deputación
En setembro de 2021, cando aínda restaba case un ano para que se declarase a fin da pandemia, nacían os Premios GirlGeekCovid, unha iniciativa da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, co obxectivo de fomentar a presenza de mulleres no eido científico e tecnolóxico. Cinco anos e 16 premiadas despois, os galardóns recoñeceron hoxe os mellores expedientes femininos da Universidade de Vigo do curso 2023/2024 en dúas categorías: estudos de Ciencias e de Enxeñaría e Arquitectura, con dous primeiros premios de 2000 euros e dous accésits de 1000.
Así, nun acto celebrado este mediodía na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, Daniela Sanz Toucedo, estudante de Enxeñaría de Telecomunicacións, recibiu o primeiro premio na rama de Enxeñaría e Arquitectura, mentres que Iliana Durán Alonso, estudante do Máster de Biotecnoloxía Avanzada, foi a galardoada co primeiro premio en Ciencias e Ciencias da Saúde. Pola súa banda, Noa Álvarez Montes, enxeñeira biomédica, especializada na área de Ciencia e Tecnoloxía de Materiais, e Sarai Moledo Rodríguez, graduada en Bioloxía e estudante do Máster de Xenómica e Xenética, recibiron os accésits en Enxeñaría e Arquitectura e Ciencias e Ciencias da Saúde, respectivamente.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, foron os encargados de entregar uns galardóns ás premiadas, “nacidos da necesidade de recoñecer a excelencia dos currículos das mulleres nas carreiras STEM”, dixo Bastos, que incidiu na importancia do liderado feminino nestes ámbitos para poder rematar coa fenda de xénero. “Parabéns polos vosos currículos e grazas por ser un exemplo e un referente para as novas xeracións”, dixo a deputada provincial ás premiadas. Pola súa banda, o reitor da UVigo, agradeceu a colaboración da Deputación na organización destes galardóns e reiterou o valor e o exemplo que as premiadas representan. “Precisamos que sigades rompendo os teitos de cristal. Seguramente que algunha vez escoitastes: ‘iso non é para ti, iso é cousa de homes’. Mentres non sexamos quen como humanidade de utilizar as dúas pernas e os dous brazos seremos unha sociedade condenada a non avanzar á velocidade que podemos”, dixo Reigosa, que demandou igualdade real e a todos os niveis e que “as mulleres ocupedes o lugar que vos corresponde”.
Que estes premios deixen de ser necesarios
Nas súas intervencións, que estiveron precedidas pola de Mar Fernández Cendón, en calidade de voceira da Unidade de Igualdade da UVigo, as premiadas coincidiron en agradecer as súas familias o apoio recibido ao longo das súas traxectorias vitais e profesionais. Noa Álvarez agradeceu que se faga visible a través destes premios o traballo que desenvolven as mulleres nos ámbitos STEAM, ao tempo que asegurou que “cómpre darlle voz a quen representa o presente e o futuro”. Daniela Sanz, asegurou que a diversidade é esencial nos ámbitos científico e tecnolóxico e “a igualdade é unha marca de excelencia no noso traballo”, ao tempo que manifestou o seu desexo de que “nun futuro estes premios non sexan necesarios”.
Pola súa banda, Sarai Moledo asegurou sentirse honrada e chea e enerxía tras recibir este premio para desenvolver a súa carreira investigadora, ao tempo que recoñeceu “que aínda que son minoría, teño referentes femininos”. Iliana Durán foi a encargada de pechar as intervencións das premiadas ás que trasladou os seus parabéns, ao tempo que agradeceu aos seus pais o seu apoio na súa carreira científica.
Estereotipos de xénero que persisten
Segundo os datos do curso 2023-2024, ademais de existir un desequilibrio nas matrículas de mulleres nas carreiras STEAM, aínda menos as que continúan unha carreira investigadora. Mentres as mozas son maioría nas teses de ámbitos como ciencias da saúde ou ciencias sociais, nas carreiras STEAM representan porcentaxes entre o 20 e o 30% do alumnado. Con respecto aos datos de doutoramento, sube o número de mulleres matriculadas respecto do ano anterior, alcanzando o 52,6 % das matrículas e continuando a lenta evolución dos últimos anos. A presenza feminina na actividade investigadora revela tamén que, aínda que nos últimos anos a porcentaxe de mulleres axudantes de investigación da UVigo se sitúa arredor do 50% do total, que é un bo dato, moitas delas abandonan e só 3 de cada 10 alcanzan a cátedra.
Analizando as matrículas dos mestrados no curso 2023-2024, aínda que a distribución do alumnado na Universidade de Vigo é paritaria (46% de homes e 54% de mulleres) as rapazas só representan un 26,3% das titulacións STEM. Por áreas de coñecemento, o xénero feminino mostra maior presenza en tres das catro ramas: artes e humanidades (72,6%) ciencias da saúde (69,2%), e ciencias sociais e xurídicas, onde as mulleres representan o 64,2% do alumnado total matriculado. Doutra parte, a rama de enxeñaría e arquitectura presenta unha forte masculinización, xa que o 73,7% do alumnado son homes, unha proporción que perdura ao longo dos últimos anos. Esta fenda é aínda máis relevante se se ten en conta que o alumnado matriculado nestas áreas de coñecemento representa en torno ao 30% do total. Ademais, estes ámbitos son os que concentran o groso das carreiras STEAM que se imparten na universidade. Porén, nalgúns casos como no grao de Enxeñaría Aeroespacial e no grao de Intelixencia Artificial estase a evolucionar cara unha representación equilibrada no número de mulleres e homes matriculados.
Cómpre sinalar que os números coinciden cos do sistema universitario español, onde a segregación horizontal afecta dun modo análogo ao que se constata na Universidade de Vigo, e apréciase que a fenda de xénero entre ramas de coñecemento persiste, así tamén os típicos estereotipos de xénero, pois as mulleres mostran preferencia por carreiras relacionadas con tarefas administrativas, o coidado e temáticas sociais. En cambio, os homes inclínanse por elixir carreiras relacionadas coa tecnoloxía e coa ciencia.