Organizadas pola Facultade de CC. da Educación e asociacións de maiores
Maiores e universitarios encheron de xogos tradicionais as rúas da cidade e o campus no inicio das V Xornadas Interxeracionais
Continuarán este venres e o vindeiro martes
Centos de maiores e universitarios encheron as rúas da cidade e os xardíns do campus con xogos populares e tradicionais na inauguración das V Xornadas Interxeracionais. Organizadas pola Facultade de Ciencias da Educación en colaboración co Centro de Maiores Caixagalicia e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos, as xornadas continuarán este venres e o 29 de abril con diferentes actividades dirixidas a todos os públicos.
Xose Manuel Cid, ex decano da facultade, explicou que “a idea de realizar as Xornadas, naceu dos propios estudantes de Traballo Social que realizaban as súas prácticas nas aulas de terceira idade que naceron na década de 1970 e teñen sede nas sete cidades principais de Galicia” dixo. “As Xornadas son un simple encontro para reunir a distintas xeracións, e xogar todos xuntos. Durante o día facemos xogos populares e tradicionais polo centro da cidade, lemos un manifesto na Praza Maior, comemos nos Xardíns do Posío, e pola tarde trasladámonos ao campus, onde continuamos cos xogos e os maiores realizan actividades que preparan nas aulas, como teatro, música ou contacontos".
Este ano con motivo da celebración do quinto aniversario, o martes 29 ás 20.00 horas, actuará o grupo de teatro da ONCE, no soto Edificio de Ferro. "É un luxo extraordinario que unha institución dese calibre veña aquí e teña xente que fai teatro fabulosamente coas dificultades visuais que teñen” apuntou Cid.