DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha charla da concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón

Máis de 100 alumnos de Ciencias da Educación coñeceron o labor que desde o concello se fai en temas sociais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 23/01/2008

Os futuros mestres en Educación Primaria e en Educación Musical tiveron esta semana a oportunidade de saír das aulas e comprobar in situ as accións que dende outros organismos e, máis concretamente dende o Concello de Pontevedra, se están a levar a cabo en materia de Educación. A concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón, foi a encargada de polos ao día sobre as iniciativas que, dende o Concello, se están a desenvolver.
A iniciativa xurdiu como unha práctica que complementa á materia Teorías e institucións contemporáneas na educación, na que se dedica un tema aos organismos de educación non formal, é dicir, aos concellos, asociacións, museos, etc. Segundo explicou a promotora da actividade e profesora da materia, Ana Sampedro, “consideramos que podería ser interesante solicitar ao concello unha charla para explicar aos alumnos as iniciativas que se están a desenvolver de cara a docencia”. A profesora mostrou a súa satisfacción co resultado obtido xa que “moitos estudantes, sobre todo os do primeiro curso, descoñecen as funcións que desde as institucións se fan dirixidas á nosa actividade, por iso creo que lles resultou moi interesante, ábrelles un campo profesional que ata agora non coñecían”, comentou Ana Sampedro.

Máis iniciativas deste tipo

Xa é algo común que os estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte realicen diferentes actividades para complementar a súa formación académica. Un dos profesores do centro, Jorge Soto, comentou ao respecto que “o que se pretende é proporcionar unha formación integral do estudante que vai ser un profesional da docencia ou da investigación”, e engadiu que “con este tipo de iniciativas tratamos de amosar o que é a escola desde diferentes puntos de vista”.
Ademais da recente charla no concello, outra das actividades previstas na facultade é a visita ao Museo de Pedagoxía de Galicia (Mupega), co obxectivo de coñecer a historia recente e pasada da escola en Galicia, saber como foi evolucionando a docencia e os procesos didácticos desde os seus inicios ata como os coñecemos hoxe.