O vindeiro 9 de marzo
Máis de 200 persoas participarán no "Maratón Solidario de Aeróbic" que organiza o campus
Recadarase material escolar ou alimentos para axudar aos nenos máis desfavorecidos
Este xa é o cuarto ano consecutivo que o Servizo de Deportes, en colaboración coa Vicerreitoría do campus de Pontevedra, organiza o Maratón Solidario de Aeróbic co obxectivo de implicar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral cos proxectos para axudar aos países en vías de desenvolvemento, así como para fomentar a práctica do deporte entre os estudantes. A iniciativa, que terá lugar o próximo 9 de marzo, conta desde o ano pasado coa axuda de Unicef, a axencia das Nacións Unidas para garantir o cumprimento dos dereitos da infancia, o cal permitiu ao campus atraer a moita máis xente a esta actividade. De feito, as previsións da organización para esta edición son moi boas e agárdase a participación de máis de 200 persoas que, ademais de colaborar por unha boa causa, divertiranse facendo deporte.
A idea de realizar o maratón xurdiu fai tres anos da man do Club de Ximnasia Aeróbica da Universidade. Como explica o técnico de actividades deportivas do Servizo de Deportes, Gustavo Loureiro, “queríamos que o club fose o estandarte do campus e que fixera actividades relacionadas con el, por iso ocorréusenos facer un maratón solidario”.
Cómo participar
Esta actividade está aberta a todo o público e o único requisito para participar é colaborar con alimentos non perecedoiros ou con material escolar que Unicef entregará nalgúns dos seus proxectos con nenos nos países en vías de desenvolvemento. Non será necesario inscribirse previamente e bastará con achegarse o día do maratón ao pavillón universitario do campus onde, en lugar de cobrar entrada, se recollerán as doazóns dos asistentes. Desde as doce da mañá e durante dúas horas intensas, os participantes realizarán unha serie de coreografías de distintas modalidades de aeróbic baixo as instrucións de varios monitores do Club de Ximnasia Aeróbica da Universidade e de ximnasios que colaboran co Servizo de Deportes habitualmente. Instalarase unha tarima principal na que, cada 15 minutos iranse rotando os participantes, cambiando o estilo e a música de cada vez.Unicef
Esta entidade de axuda humanitaria é unha das máis importantes e fai o seu labor en 158 países en vías de desenvolvemento. O traballo de Unicef contempla todos os aspectos que afectan ao benestar dos nenos e as nenas, dando prioridade ao cumprimento das necesidades básicas máis elementais en cuestións de supervivencia, de protección e de educación. Deste xeito e a través de máis de 120 oficinas, a organización garante un bo comezo na vida, unha formación básica de calidade e un entorno seguro.No próximo Maratón Solidario de Aeróbic instalarase unha mesa de información de Unicef, na que todos aqueles que o desexen poderán colaborar con algunha doazón, facerse socios, voluntarios ou sinxelamente informarse das actividades que realiza por todo o mundo.