DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sexta edición do certame convocado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes

“O máis rico (do cemiterio)” de Jorge Fernández gaña o 1º Premio de Creación Audiovisual

Na modalidade de curta narrativa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 24/07/2008

Logo de ser presentada en varios escenarios da nosa comunidade, a curtametraxe dirixida por Jorge Fernández, O máis rico (do cemiterio), conseguiu o primeiro premio na sexta edición do certame de Creación Audiovisual que cada ano organiza a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. O filme co que o novo director abordou un tema característico da idiosincrasia galega, a morte utilizada como parte cun crime perfecto, foi recoñecido polo xurado como o mellor traballo na modalidade de curta narrativa, seguido por Simón de Andrés González Tella.
Segundo comentou Jorge Fernández, “é unha gran ledicia xa que é o único galardón que recibiu a obra e supón o primeiro paso e o empuxe necesario cara a ir facendo un currículo da curta”. Ademais, continuou o director, “é como un recoñecemento a todo o apoio brindado pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que foi a que prestou todo o material de gravación”.

A gran calidade dos traballos

Os restantes traballos galardoados cun primeiro premio no certame foron A república dos soños, de Isabel Martínez, na modalidade documental e Compostura, de Estela García Ballesteros na de vídeo experimental. Debido á gran cantidade e calidade das obras presentadas, o xurado acordou conceder varios premios de accésit en algunhas das modalidades como a de vídeo experimental, na que foron galardoados os proxectos Metamorfosis, de Sheila Pazos Silva; The hand of the inert, de Sandra Estrada Pérez e Na kapelanka, 24, de Mª Ronda Bautista López. Pola súa banda, na sección de animación, o xurado concedeu o accésit á obra El niño que nunca se cansaba de leer, de David Pérez Diéguez e a Toleirada, realizado por Celso Antonio Rodríguez, Mª Elena Hermida e Andrea Rodríguez.

Varias modalidades adaptadas ás demandas do mercado

Na VI edición do certame, a institución premia aos mellores traballos realizados por alumnos nun total de catro categorías establecidas en Creación Audiovisual, Fotografía, Pintura e Maquetas de Música. Polo momento o xurado soamente fallou os traballos audiovisuais e nos vindeiros días coñecerase a resolución para o resto de seccións. A súa vez, cada unha de elas está subdividida en diferentes modalidades que van variando cada ano en función das demandas do mercado e do que “ofertan as diferentes escolas e facultades nas súas correspondentes titulacións”, apuntou o técnico de actividades culturais da Universidade, Alfonso Caride. Deste xeito, “este curso establecéronse cinco modalidades na categoría audiovisual: curta narrativa, documental, vídeo publicitario, vídeo experimental, e animación, coa finalidade de que participen tanto estudantes de Belas Artes, como de Comunicación Audiovisual ou de Ciencias e Historia”,afirmou Caride.