DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 7 ao 10 de abril no campus de Vigo

Máis de trinta empresas daranse cita na oitava edición do Foro Tecnolóxico de Emprego

Principal punto de encontro entre empregadores e futuros enxeñeiros

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/04/2008
Máis de trinta empresas daranse cita a vindeira semana no campus na oitava edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, un evento pioneiro que logrou converterse nun dos foros de emprego máis importantes do país. Será do 7 ao 10 de abril nos vestíbulos das escolas de Enxeñaría Industrial e Minas.
O obxectivo segue a ser o mesmo ca na primeira edición, no 2001: achegar o mundo laboral aos futuros enxeñeiros, dándolle aos estudantes a oportunidade de manter un contacto directo con cada empresa, coñecendo de primeira man a súa oferta laboral e podendo presentarlle o seu currículo.
Ademais dos stands das diferentes empresas o foro acolle a realización de moitas outras actividades: coffee break, workshops, mesas redondas, conferencias... “A mesa redonda é unha das novidades deste ano, van participar seis empresas que se presentarán e manterán unha conversa distendida cos asistentes”, subliña Fernando Lence, coordinador xeral do foro.
Os workshops son unha das actividades que tradicionalmente teñen mellor acollida. Neles teñen cabida as dinámicas de grupo, test psictotécnicos, procesos de selección, etc. “É unha actividade moi práctica, ao igual que os coffee break, nos que se invita aos alumnos dos últimos cursos a un aperitivo a media mañá para fomentar nun ambiente agradable o contacto directo entre as empresas e os alumnos que estean interesados”, salienta Noa Lago, coordinadora de prensa.

Consultoras e novas tecnoloxías

O traballo con tecnoloxías de última xeración é o eixe común da maior parte das empresas con stand no foro. Hai unha presenza importante de empresas que están relacionados co sector das telecomunicacións, sobre todo consultoras, pero non é o único, o industrial e as minas tamén teñen cabida.
Algunhas destas empresas levan participando no foro desde que se iniciou. É o caso da consultora Accenture, Indra, ou o grupo ITC. Outras inícianse este ano: CIP Formación, Visteon, Thales...

Un éxito dos alumnos

Co respaldo dos directores das escolas e do equipo de goberno da Universidade, o Foro Tecnolóxico está organizado integramente por estudantes das Escolas de Enxeñería Industrial, Minas, Telecomunicación e Técnica Industrial. “En total somos 18 persoas, pero detrás hai moita xente que nos dá asistencia, tanto na organización como nos propios días do foro”, explica Lago.
“A maior dificultade radica en que sendo estudantes hai que compaxinar a organización coas horas de estudo e os horarios de clase e prácticas”, destaca o coordinador xeral, Fernando Lence.
Ao fío do foro, estes estudantes editarán tamén unha publicación de 3000 exemplares que será repartida gratuitamente a todos os visitantes e, posteriormente, distribuirase nas escolas de enxeñaría de Galicia. Nela recóllese toda a información xerada polo evento, desde fichas técnicas con información de interese sobre cada unha das empresas participantes, ata resumos das conferencias ou reportaxes sobre empresas punteiras no sector.

www.forotecnoloxico.net