DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 31 de marzo ao 2 de abril nas tres escolas de enxeñaría

Máis de vinte empresas participarán en Vigo no IX Foro Tecnolóxico de Emprego

Firmas como Seat, Bosch, R ou Alcoa achegarán o mundo empresarial aos futuros enxeñeiros

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 16/03/2009

Máis dunha vintena de empresas achegaranse ao campus vigués para participar no IX Foro Tecnolóxico de Emprego do 31 de marzo ao 2 de abril. “Acercar o mundo laboral aos futuros enxeñeiros e titulados é o principal obxectivo das xornadas”, explica Vicente Vázquez, coordinador xeral do foro. As escolas de Telecomunicación, Minas e Industriais acollerán durante estes días conferencias, stands, presentacións, workshops, coffee breaks e mesas redondas nas que as empresas darán a coñecer á comunidade universitaria a súa estrutura, dinámica de traballo, liñas de mercado, produtos e actividade de I+D+i.
Ademais, durante o evento, os alumnos dos últimos cursos poderán entregar o seu currículo ás empresas. Para axilizar os procesos de selección, a organización, composta polas delegacións de alumnos das tres escolas implicadas, porá a disposición das mesmas todos os medios necesarios para a realización de test psicotécnicos, dinámicas de grupo, entrevistas persoais ou calquera outra proba que considerase de interese par avaliar aos candidatos.
Na súa curta historia o Foro Tecnolóxico de Emprego estableceuse como un dos foros de emprego máis importantes dentro do noso país, “todo grazas ao esforzo dun grupo de estudantes con iniciativa e ilusión e ao apoio da Universidade, escolas e colexios oficiais”, subliña Vázquez.

A oferta laboral no campus

A inauguración oficial do foro será o martes 31 ás 13.00 horas no vestíbulo da ETSE de Minas, pero xa dende primeira hora da mañá comezarán as presentacións de empresa, conferencias e mesas redondas. Nas presentacións, as entidades darán a coñecer tanto as súas actividades e produtos, como as súas liñas de investigación e proxectos. Pola súa parte, as conferencias abranguerán temas de actualidade dentro dun sector tan cambiante como é o da enxeñaría; neste senso un dos temas a expoñer a ser o satélite Xatcobeo, un proxecto no que participan numerosos profesores e alumnos da ETSE de Telecomunicación. As mesas redondas consistirán nun coloquio distendido entre representantes de varias empresas e alumnos, que este ano, debido á proximidade da nova reforma educativa, “formularase coa finalidade de ofrecer a súa visión sobre o que supón este cambio para a empresa e para os profesionais universitarios que estarán nela” apunta Vázquez.
Os stands situaranse, dende o martes ao xoves, nos recibidores das escolas de Minas e Industriais, espazo dedicado á promoción da empresa, onde se recollerán os currículos, ofertarán bolsas, realizaranse exhibicións e exporase material técnico desenvolvido pola empresa. Ao mesmo tempo, os departamentos das escolas tamén levarán a cabo demostracións das súas liñas de investigación e proxectos de interese.
Coffee break e workshops completan a oferta deste foro. Representantes das empresas compartirán con aqueles alumnos interesados un aperitivo a media tarde “co obxectivo de fomentar, nun ambiente agradable e relaxado, o contacto directo entre ambos” explica Vázquez. Por outra parte, os workshops é unha das actividades que goza de maior acollida por parte dos estudantes onde teñen cabida as dinámicas de grupo, test psicotécnicos, procesos de selección, etc.
Precisamente, a aplicación de novas tecnoloxías da información, que permiten a transmisión de todas estas actividades en tempo real a través de Internet, é outra das características deste foro. “Ademais, construíuse unha ferramenta web que permitirá manter en contacto continuo durante todo o ano ás empresas participantes e aos futuros titulados”, engade Vázquez.

A lista de participantes continúa a medrar

Ao longo das oito edicións anteriores, participaron máis de 60 empresas diferentes do sector tecnolóxico, todas elas distinguidas nos seus ámbitos de actuación, entre as que destacan CEPSA, HP, Iberdrola, PSA Peugeot Citroën, R, Repsol YPF, Siemens, Tele2-Comunitel, Tecnocom, Unión Fenosa ou Vodafone. “Trátase dun proxecto co que se pretende fortalecer os nexos de unión entre a universidade e o mundo empresarial a todos os niveis, podendo establecerse futuras liñas de colaboración.”, sinala Vázquez. Ademais, aproveitando a ocasión, as empresas participantes poden establecer contacto con outras firmas do sector, “xa que estes punto de encontro aportan novas vías de relación e comunicación entre profesionais”.
Nesta novena edición espérase a presenza de máis dunha vintena de empresas, algunhas delas volven repetir e outras incorpóranse por primeira vez, como é o caso de Seat e Bosch. A lista de entidades participantes aínda se está a ultimar, “pero será de tanta calidade como a de anos anteriores”, apunta Vázquez, “non obstante, quizais se rexistre unha certa cifra de baixas debido a crise económica”, engade.
Ademais, toda a información xerada no evento, a través de entrevistas, reportaxes, resumo de conferencias, fichas técnicas das empresas participantes, etc. quedará recollida nunha revista, que se lle entregará a todos os asistentes e distribuiranse tamén por todas as escolas de enxeñaría de Galicia.