Manuel Rivas rememorou con retranca e nostalxia unha infancia común aos galegos
Con “A corpo aberto” puxo fin á XVIII edición dos Encontros Literarios
Con A corpo aberto, a conferencia de Manuel Rivas, concluíu a décimo oitava edición dos Encontros Literarios organizados pola Vicerreitoría do campus e pola que este ano pasaron tamén Juan Cruz e Luis Mateo Díez. Nun Liceo cheo ata a bandeira, o escritor coruñés rememorou con nostalxia e humor unha infancia común a todos os galegos, que conseguiu sacar os sorrisos do público.
Marcos Valcárcel, organizador dos Encontros e director da Sección Literaria do Liceo foi o encargado de presentar a Manuel Rivas do que dixo que “creou unha nova imaxe de Galicia desfacendo tópicos e construíndo novas ideas ao redor do noso propio imaxinario”. Aproveitou tamén para ler fragmentos dos seus personaxes máis entrañables, arquetipos debuxados “grazas ás verbas de Rivas que nos trasladan á casa dos avós e á aldea e que recuperan ao neno que fomos” explicou.
Rivas, “A corpo aberto”
Pola súa banda, o autor de Os libros arden mal explicou que o título da conferencia, “leva consigo unha promesa de abrirse ao público pero na cultura antropolóxica galega ten tamén unha perspectiva un pouco psiquiátrica de persoas con enfermidades mentais, un corpo aberto era algo libre, aberto, preto da tradición dionisíaca”.Xornalista, novelista e dramaturgo, Manuel Rivas rememorou os seus comezos en El Ideal Gallego e explicou que “o escritor ten que ser custodio do sentido das palabras, neste tempo no que a linguaxe e o espazo no que vivimos están sometidos a un proceso de corrosión acelerada. Pero tamén ten que ser custodio das metamorfoses que é o que ten que significar un corpo aberto” dixo. Citando a Kafka comentou que “as ideas e as historias veñen a ti e só hai que estar espertos e cos sentidos preparados agardando”.
Cumprindo co obxectivo dos Encontros, explicou a súa finalidade como quen "fai un percorrido persoal no que se reflicta como se mesturan vida e obra dun autor en círculos concéntricos” por medio de anacos dunha infancia no barrio de Montealto “poboado de anti- heroes no que o contraste entre o rural e o urbano estaba moi presente”. Así, facendo gala dunha forte retranca, Rivas situou aos presentes na cociña da súa nai “onde mentres facíamos os deberes mantiña verdadeiros soliloquios cando o rumor da súa conciencia subía de ton”. Aquelas conversacións que a muller tiña consigo mesma foron “a mellor escola do humor absurdo, do surrealismo, do pesimismo e da esperanza inútil que recoñecín cando lin a Beckett e que debeu nacer na miña familia”.