Na súa segunda edición acolle a 19 alumnos de todas as ideades
Mellorar a saúde e o benestar a base de gargalladas, obxectivo do obradoiro de risoterapia
Din os expertos que rir 30 veces ao día aporta múltiples beneficios físicos e emocionais. Ademais, a risa libera gran cantidade de endorfinas que son as hormonas responsables da sensación de benestar.
Pois precisamente co obxectivo de mellorar a nosa saúde a gargalladas estase a desenvolver no campus por segundo ano consecutivo o obradoiro de Risoterapia.
A través de xogos, dramatizacións e dinámicas de grupo os alumnos sacan ao neno que levan dentro.“A finalidade é moi sinxela, que rían por rir” comenta Yolanda Pereira, a profesora, “pero para acadar esa distensión primeiro hai que perderlle o medo ao ridículo, ao principio dalles vergoña, especialmente se non se coñecen” Así, os primeiros días as dinámicas son de presentacións e xogos de confianza enfocados a acadar a desinhibición necesaria para que no ambiente flúa a risa espontánea. Unha vez superada esta fase, a aula convértese nun espacio relaxado onde flotan a alegría e a diversión, lonxe das preocupacións da vida cotiá.
Beneficios comprobados
Xa dende antigo na filosofía oriental propugnábase o valor da risa coma terapia para a alma. Na actualidade, estudios científicos avalan que a risa actúa directamente sobre o sistema nervioso, estimulándoo e mellorando o sistema inmunitario e o endocrino, polo que axuda a combater enfermidades coma a depresión, o colesterol ou os problemas cardiovasculares. A risoterapia tamén é empregada en doentes con cancro e outras enfermidades graves nas que o estado de ánimo repercute directamente nos índices de supervivencia.Aínda que os beneficios físicos poden ser máis difíciles de ver a corto plazo, os psicolóxicos son evidentes. Diminúe o estrés e a ansiedade, aporta seguridade nun mesmo, favorece as relacións persoais e sobre todo ensina a rirse dun mesmo e ver o lado positivo das cousas. Tanto é así que a valoración dos alumnos inscritos é “moi boa, segundo as enquisas do ano pasado a xente quedou moi contenta e este ano tivo mellor acollida polo boca a boca” corroborou Yolanda que conta con 19 matriculados dos que a maioría son alumnos da Universidade pero entre os que tamén conta con xente maior.
As clases de risoterapia teñen lugar todos os luns e mércores de 16.30 a 19.30 no primeiro cuadrimestre.