Na inauguración do ciclo de conferencias "A Unión Europea e a Política Social"
Miguel Arias transmitiu unha visión optimista e alentadora do futuro de Kosovo
A evolución histórica e política do territorio dos Balcáns ata a declaración de independencia unilateral de Kosovo e as reaccións da Unión Europea ante o proceso centraron o relatorio co que Miguel Arias, ex alto representante adxunto de Bosnia Herzegovina, inaugurou o ciclo de conferencias A Unión Europea e a Política Social. Enmarcada no módulo Jean Monnet, a conferencia Kosovo e a Unión Europea foi seguida dun apaixonado debate no que participou o numeroso público asistente.
Miguel Arias, actualmente embaixador en Misión Especial para a Cooperación Deportiva Internacional, conta cunha dilatada traxectoria diplomática e coñece fondamente o territorio da antiga Iugoslavia, ademais de ser un experto en temas balcánicos, polo que ilustrou aos asistentes con todos os antecedentes do conflicto, da proclamación de independencia e coas posturas que tomaron os países da UE.
A historia de Kosovo
“Para entender a situación do territorio kosovar hai que ter en conta que a rexión ten un relevo moi accidentado e que, polo tanto, as comunicacións non son boas e historicamente sempre estiveron illados” explicou Arias. Ademais, a poboación, “nun 95% albanesa e só nun 5% serbia está totalmente polarizada, cunha cultura máis tradicional no primeiro caso” ao que hai que engadir que “Kosovo era, e segue sendo, o territorio da antiga Iugoslavia con menos renda per cápita e menos riqueza, pese a ter importantes xacementos mineiros mal explotados” comentou.A nivel histórico lembrou todas as derrotas “que foron imprimindo no caracter dos kosovares o victimismo típico da súa identidade” a pesar do que “ata os anos 60 as relacións entre serbios e albaneses eran practicamente normais” dixo Miguel Arias. Foi a partir dos 80, cando a raíz de protestas xurdidas na Universidade de Prístina, “os albaneses comezaron a rexeitar o sistema pseudocolonial que outorgaba unha posición vantaxosa aos serbios, e o que comezou como unha manifestación pola mala calidade da comida do comedor rematou cunha batalla política que foi reprimida brutalmente pola policía e a situación empeorou” engadiu. Nese momento o presidente Milosevic comezou a dar incendiarios discursos que exaltaban os sentimentos nacionalistas da poboación serbia e ambas comunidades foron separándose cada vez máis “entrando nunha espiral de violencia e represión que desembocou nunha crise humanitaria con máis dun millón de refuxiados”. A violencia comezou a facerse máis forte e a OTAN intervén pero a crise incrementa a separación étnica xa existente. “Penso que ese era o momento de proclamar a independencia porque o contexto internacional era máis favorable e Milosevic sería o chivo expiatorio” comentou Arias.
A partir de entón, Kosovo permaneceu baixo a soberanía serbia á espera de que un proceso de acordo determine o estatus que terá, pero mentres, as Nacións Unidas administran a rexión nun réxime de case protectorado. En 2007, Martti Ahtisaari, presidente finlandés e mediador no proceso, presenta un informe e un plan de futuro pero Serbia e Rusia o rexeitan. O 17 de febreiro deste ano, Kosovo declárase independente unilateralmente.
O papel de Europa
“Ata o de agora, recoñeceron o novo estado 30 países, dos que 17 pertencen á UE e 6 son parte do Consello de Seguridade da ONU, polo que son membros da comunidade internacional o suficientemente importantes para darlle viabilidade ao proceso” comentou Miguel Arias. “É momento de posicionarse porque o risco de inacción é moi grande xa que a zona dos Balcáns esta rodeada pola UE e necesitaa para estabilizarse, ademais foi a propia presión exterior aos líderes kosovares o que os impulsou a proclamar a independencia” explicou. Ademais “a Unión ten que posicionarse con certa unanimidade para manter credibilidade en materia de política común e seguridade que, tras oito anos de esforzos alí, está condicionada a Kosovo”.Respecto á postura do goberno español, “é a máis sensata e prudente para que non poida ser usada nun hipotético caso futuro en contra do país. Todos os estados con problemas de territorios que reclaman maior autonomía mantivéronse ao marxe, aínda que o caso de Kosovo non ten que ver co de Euskadi e todas as comparacións que se fan son froito do descoñecemento” reflexionou.
En canto á súa valoración persoal, o relator explicou que “tras mes e medio dende a declaración, foi bastante ben, pese a que segue a haber algunhas situacións de violencia. A actitude moderada do goberno á hora de non provocar aos serbios foi moi acertada ademais de que condenaron formalmente os actos de violencia. Tamén foi un acerto o feito de adoptar unha nova bandeira, símbolo da diversidade étnica e de festexar os actos de independencia co himno da Alegría europeo”. Aínda que na súa opinión o futuro a curto prazo pode ser problemático, “ a medio prazo, e se non se eterniza o proceso, Kosovo e o resto das rexións balcánicas implantaranse na Unión Europea, polo que son optimista respecto ao seu futuro” finalizou.