Nace Blogdabiblio, unha nova canle de comunicación entre a bilbioteca e os seus usuarios
Con información sobre recursos electrónicos, novidades ou horarios ao tempo que recolle as demandas
Como unha nova canle de comunicación entre a Biblioteca Universitaria e os seus usuarios nace Blogdabiblio, unha bitácora de novas que ten como finalidade manter informada á comunidade universitaria das iniciativas e propostas da biblioteca. A posta en marcha deste blog representa un paso máis na consolidación das novas tecnoloxías en todos os ámbitos universitarios, feito que se reflicte tamén nas máis de 17.800 publicacións electrónicas das que dispón a Biblioteca Universitaria.
Segundo explica do director da Biblioteca Universitaria, Gerardo Marraud, “o propósito do blog é dobre. Por un lado mellorar a información da oferta de recursos e servizos que poñemos a disposición da comunidade universitaria e que ata agora comunicábamos a través da lista 'avisos' e da páxina web da Biblioteca. O outro obxectivo é captar as opinións e expectativas dos nosos usuarios sobre o servizo bibliotecario”.
O Blogdabiblio pretende ser así unha porta aberta entre a biblioteca e os usuarios da mesma, pero tamén con toda a comunidade universitaria en xeral, ofrecendo a través deste caderno electrónico todas as novidades que se produzan en canto a novos recursos electrónicos, recursos web de interese, cambios nas normativas e horarios de apertura das salas, así como das diversas actividades de formación que se organizan como cursos ou conferencias. Pero a interactividade e a reciprocidade son os piares sobre os que se asentan os blogs, polo que esta nova ferramenta ten tamén como obxectivo ofrecer un punto de encontro e de conversa con todos aqueles interesados no funcionamento da biblioteca e permitindo que os usuarios e lectores do blog poidan formular os seus propios comentarios e preguntas ás noticias que se publican. Para facer estes comentarios unicamente é preciso estar rexistrado, para o que se debe contar cunha conta de correo electrónico operativa e cubrir un sinxelo formulario.
Bibliotecas do século XXI
Os recursos electrónicos e a adaptación ás novas tecnoloxías fan das bibliotecas tradicionais bibliotecas do século XXI, bibliotecas 2.0. Segundo subliña Marraud, este concepto de biblioteca “se refire á aplicación das tecnoloxías da web 2.0 (wikis, blogs ou rss) á prestación de servizos bibliotecarios”. A vantaxe destas tecnoloxías 2.0, tamén denominada software social, reside en que son sinxelas de empregar e que permiten un alto grao de interactividade entre o emisor ou editor dos contidos e os seus receptores ou lectores. “A Wikipedia e tamén os blogs son un bo exemplo de creación social de contidos e, polo tanto, de coñecementos”, destaca.Sobre a importancia de interactividade, o director da Biblioteca Universitaria salienta que “as bibliotecas son servizos e unha particularidade dos servizos é que, á diferenza dos produtos, a súa produción é compartida entre os que producen o servizo (neste caso os bibliotecarios) e os que consumen ou usan o servizo. Debido a isto a súa calidade non só depende de quen presta o servizo, tamén do que o recibe”.
A consecuencia disto é que é preciso coñecer ao cliente, nesta caso aos usuarios da biblioteca, para obter información que permita “co-producir un servizo da máxima calidade posible e as tecnoloxías 2.0, pola súa interactividade, facilítannos esta labor”, salienta.
Esta combinación das clásicas salas de lectura e consulta cos avances informáticos tamén se reflicten no logo do propio Blogdabiblio. A imaxe resume o contexto de actuación das bibliotecas universitarias que combinan coleccións e conexións. O logo inclúe esta dicotomía coa silueta do libro delimitada por unha liña que evoca un cable de rede e que asegura a conectividade a internet e a outras redes telemáticas.