DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ata agora responsable desta área na UVigo está especializada en nesgos de xénero na ciencia

Nomean a profesora Águeda Gómez Suárez asesora científica do Ministerio de Igualdade

Forma parte dun conxunto de 22 asesores do Goberno central elixidos entre 1600 persoas candidatas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 03/12/2024

Tras seis anos como directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a profesora da Área de Socioloxía Águeda Gómez Suárez abandona este cargo para incorporarse ao goberno central como asesora científica do Ministerio de Igualdade. Así se deu a coñecer este martes tras a celebración na Moncloa dun acto de benvida no que o presidente do goberno, Pedro Sánchez, e os diferentes ministros e ministras recibiron aos 22 asesores e asesoras científicas que hoxe se incorporaron aos seus respectivos ministerios.

“En tempos como os actuais, escoitar á Ciencia é máis importante que nunca. Por iso, o Goberno de España incorpora hoxe 22 asesores científicos aos seus ministerios, para que axuden a mellorar a toma de decisións e o deseño de políticas públicas. 12 mulleres e 10 homes de inmenso talento que foron elixidos entre 1.600 candidatos nun proceso codeseñado e tutelado pola comunidade científica”, explicou hoxe o presidente do Goberno tras darlles a benvida.

A chegada ao goberno deste conxunto de asesores e asesoras forma parte do plan anunciado tras a creación da Oficina Nacional de Asesoramento Científico, ONAC, e ten como obxectivo que “a voz da ciencia” sexa escoitada ao máximo nivel no Executivo e se converta “nun pilar máis na toma de decisións públicas”.

“Para min é unha responsabilidade moi grande e tamén unha honra”

Profesora titular de Socioloxía da Universidade de Vigo. Águeda Gómez Suárez é licenciada en Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid e doutora en Socioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Directora académica da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, está especializada en temas relacionados cos nesgos de xénero na ciencia e a sociedade dixital, a orde sociosexual en sociedades non occidentais, a etnicidade, o sistema prostitucional e as brechas de xénero na academia. Na actualidade, investiga sobre os nesgos de xénero na sociedade dixital.

O nomeamento foille comunicado hai apenas uns días a través dunha chamada telefónica da Presidencia do Goberno, chamada que recibiu con “enorme sorpresa”. “Para min é unha responsabilidade moi grande e tamén unha honra”, admite a  docente. Ao novo cargo tentará achegar todos os coñecementos e experiencias acumuladas ao longo da súa carreira científica, “xunto con toda a paixón e entrega que merece este novo e apaixonante proxecto”.

Ligazón entre a comunidade científica e o ministerio

Os 22 novos asesores científicos ministeriais traballarán a tempo completo nos distintos gabinetes dos ministerios como vogais asesores dedicados ao asesoramento científico. As súas funcións principais serán actuar como ligazón entre a comunidade científica e o ministerio para identificar temas que requiran asesoramento.
O seu traballo centrarase en crear novos vínculos e espazos de colaboración entre o Goberno e as universidades e centros de investigación, en que o coñecemento científico axude a deseñar mellores políticas e tomar máis decisións baseadas na evidencia empírica. Así mesmo, as e os asesores tamén contribuirán ao desenvolvemento de ferramentas, protocolos e códigos éticos para crear unha cultura do asesoramento científico nas institucións. A rede de asesores estará coordinada pola Oficina Nacional de Asesoramento Científico (ONAC) da Presidencia do Goberno, e traballará en estreita colaboración coa rede de expertos do CSIC, a Comisión Europea e outras redes científicas internacionais.

Seis anos á fronte da Unidade de Igualdade

Ao respecto da súa etapa como directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Gómez Suárez quere agradecer “moi sinceramente” á ex-vicerreitora Maribel Doval, que foi a que en 2018 a propuxo para o cargo e, “por suposto, ao reitor, que me elixiu e confiou en min todos estes anos e cuxo apoio foi esencial para poder levar a cabo todas as actividades e iniciativas que desenvolvemos nestes anos”, así mesmo a “todas as persoas da comunidade universitaria que apoiaron desinteresada e altruistamente todas as políticas de Igualdade”.

Entre estas iniciativas destaca o Distintivo de igualdade, a redución docente do 100% e 50% nas académicas nais para reducir a ralentización das súas carreiras académicas, o Itinerario Virtual de Formación en Xénero, o estudo do impacto do confinamento en académicas e académicos,  a Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, os produtos menstruais gratuitos... “Moitas iniciativas  que naceron coa intención de impulsar as políticas públicas de igualdade na nosa universidade”. De cara ao futuro, considera que debería afondarse e precisar “políticas dirixidas a loitar contra as violencias machistas en xeral na nosa universidade”.