José Luís Legido, coordinador de Nova Universidade:
"Non me vou presentar ás próximas eleccións. Temos que buscar outro candidato, abrirnos, chegar a acordos"
Tras tres lexislaturas na oposición, José Luís Legido, adianta no Duvi que non repetirá como candidato a reitor por Nova Universidade nas próximas eleccións que se celebrarán na Universidade de Vigo dentro de pouco máis de dous anos. "Eu estou demasiado visto e no noso grupo é bo que aparezan novas figuras, persoas con ideas novas e con outro espírito", asegura Legido, que tamén confirma que seguirá traballando na Universidade, pero noutras frontes.
Ata que chegue o relevo, Legido segue exercendo de cabeza visible da oposición ao actual equipo de goberno de cuxa xestión fala nesta entrevista, así como de cuestións clave para o futuro da Universidade de Vigo como o proceso de adaptación ao EEES, a financiación ou a candidatura viguesa para a celebración da Universiada no 2013.
Nuns meses cumpriranse dous anos de xestión do equipo de goberno á fronte da Universidade de Vigo. Nesta entrevista imos abordar cuestións concretas pero, que valoración global fai deste período?
Seguimos cos mesmos problemas que tiñamos cando empezou a lexislatura e que nalgúns casos xa se arrastraban do mandato de Domingo Docampo. O principal problema que vexo é que seguimos nunha estrutura na que hai moi pouca motivación o que se reflicte na perda continuada de alumnos que sufrimos nos últimos anos.
Así mesmo temos un problema grave de administración dentro da propia Universidade. Nós xa dixemos que o modelo xerencial non era o que mellor ía para esta institución, pero esperamos que a partir de agora as cousas vaian polo camiño axeitado.
Sen embargo o máis importante é que a docencia vai a peor, non investimos o que hai que investir e os números están aí. Pódese dicir: “e que baixan todas as universidades”, pero é que nós baixamos máis que as outras cunha estrutura territorial maior que as outras universidades galegas.
Tamén considero que hai bastante desilusión nos órganos colexiados: o Claustro está máis que morto. En 1997 ou no 2002 unha sesión podía empezar pola mañá, remataba pola tarde e había 30 ou 40 intervencións de todos os grupos. Agora sinto que interveño eu só, a xente do meu grupo, e ninguén máis. Para o resto parece que todo está ben e iso non é bo por que nos órganos colexiados deben expoñerse todas as opinións de toda a comunidade universitaria.
No caso concreto da diminución de alumnos, que medidas considera deberían adoptarse para reverter esta situación?
No noso programa electoral tiñamos un primeiro punto que é fundamental: a elaboración dun plano estratéxico e recuperar a programación plurianual. Hai que facer un plano no que definamos que queremos, que imos ofertar, como podemos convencer aos alumnos de Bacharelato de que esta universidade está máis preto e é tan boa, ou igual, a outra á que poidan ir. E iso temos que planificalo e logo desenvolvelo. Tamén tiñamos que ter un plan estratéxico para determinar que graos e posgraos vanse implantar, e non o sabemos.
Pode recoñecer neste meses algunha actuación positiva por parte do equipo de goberno, algo que considere se fixo ou se está a facer ben?
Hai que ser realista e todo, todo mal, non se fixo. Imos mellorando en política de investigación, aínda que non hai recursos suficientes. Logo, nas actividades culturais mantemos un ritmo bo. No caso da descentralización dos campus eu estou de acordo. En igualdade se fixeron cousas, aínda que non ao ritmo que nos gustaría.
O tempo transcorreu para todos, goberno e oposión, e que balance fai do traballo desenvolvido por Nova Universidade, o grupo de oposición que vostede lidera? Ademais nestes dous anos e pico que quedan de mandato do actual equipo de goberno que traballo considera que lles queda por facer?
Levamos tres lexislaturas na oposición e xa son moitos anos traballando por un modelo de Universidade. Somos unha oposición que non busca a confrontación, por que para min o máis importante é a Universidade e desde ese punto de vista estamos dispostos a defender aquelas ideas que estean de acordo co noso modelo.
En calquera caso nós estamos nun período de transición, complexo. Eu na actualidade son o coordinador en funcións, pero estamos dispostos a que se incorpore calquera persoa ao grupo e incluso para ocupar postos de dirección. Eu estou demasiado visto e no noso grupo é bo que aparezan novas figuras, persoas con ideas novas e con outro espírito, e así os que levamos moitos anos nestas lides, deixémoslles paso.
Entón, non se presentará nas vindeiras eleccións a reitor?
Teño claro que non me vou presentar ás próximas eleccións. Nun momento determinado buscaremos a renovación e ata entón eu seguirei liderando e tirando do grupo que baixo ningún concepto deixarei que se esborralle. Farei o esforzo que sexa necesario para manter Nova Universidade viva, pero está claro que nas próximas eleccións temos que buscar outro candidato, abrirnos, chegar a acordos. Na Universidade hai xente moi formada e temos que aglutinar en formacións diversas, con ideas distintas, e entrar nun proxecto que enganche a xente nova e lle permita ocupar os cargos de dirección no futuro. Eu sempre estarei traballando por esta Universidade pero noutras frontes. Atráenme postos novos, retos novos, crear outro tipo de estruturas, loitar por outras ideas e deixar sitio á xente que ven detrás.
De volta á xestión do equipo de goberno imos falar de investimentos. O Consello de Goberno, primeiro e posteriormente o Claustro e o Consello Social, aprobaron recentemente un orzamento para 2008 de algo máis de 174 millóns de euros no que as liñas prioritarias de gasto son: a mellora salarial, infraestructuras docentes e de investigación, plan de reforma das titulacións, plan de desgravacións docentes ou programa de mobilidade internacional. Considera que con este reparto se da resposta ás necesidades da institución?
No momento que foron presentados eu xa manifestei que non estaba de acordo co reparto que se facía dos recursos. Temos que pensar que o máis importante son os recursos humanos. A inversión que se fai a nivel docente e de persoal considero que é insuficiente e que se podía facer un esforzo maior. Ademais o incremento que se produce ven, en parte, dos recursos que ás veces acadan os propios investigadores que cada vez traballan máis. Por que iso si, esta Universidade ten un persoal de primeira, tanto profesorado como persoal de administración e servizos. Pois eses recursos o que temos que facer e mantelos, melloralos e darlles maiores recursos e flexibilidade para que sigan desenvolvendo a súa tarefa do mellor xeito posible.
Falando de financiamento, en breve, segundo anunciou a Xunta comezarán as reunións da comisión encargada de renegociar o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia, no que se prevé superar o 1% do PIB en inversión en gasto universitario. Cree que se dará así resposta ás necesidades económicas das universidades, ou sería precisa algunha actuación máis por parte das administracións?
Estamos nun proceso no que non se están reformando as ensinanzas universitarias, estamos poñendo unha estrutura nova e iso require esforzo por parte de todos. O persoal da Universidade de Vigo está facendo un importante esforzo por poñer en marcha as novas titulacións e a administración ten que facer un esforzo económico, por que iso vai custar. Un plano de financiamento adaptado ao novo marco é totalmente necesario e se non, non hai saída. Ese investimento debe servir para adaptarmos cara ao futuro por que o mercado será máis competitivo.
Que expectativas ten do novo equipo xerencial, do que tamén forman parte as anteriormente nomeadas vicexerentas de Pontevedra e Ourense?
O modelo que se pon en marcha é basicamente o que nos defendemos, cunha pequena diferenza xa que nós apostabamos por incluír na estrutura xerencial xente de dentro da Universidade. No noso modelo o xerente viña de fóra, para non estar excesivamente ligado á estrutura interna, e logo cun equipo que coñece perfectamente a Universidade.
Creo que o modelo vai funcionar ben, pero teremos que esperar. A xerenta debe poder desenvolver o seu traballo dun xeito flexible e que poida levar os seus obxectivos a cabo, cun equipo motivado e que haxa fluxo de ideas de xeito que a xerencia non sexa un sitio pechado.
En canto a descentralización nós sempre a defendemos, cun modelo incluso máis descentralizado que o actual.
No proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, o Consello de Goberno aprobaba esta mesma semana o plano de estudos de Grao en Belas Artes que, si todo vai ben, implantarase o vindeiro curso. Ese proceso que culminará en 2011 coa adaptación de todas as titulacións, en que espera que se traduza no caso da Universidade de Vigo?
O proceso é inevitable pero estase a levar a cabo, en boa parte, pola vontade da xente de sacar isto adiante en ausencia dun plano e dunha normativa. O certo que non todo é culpa da Universidade de Vigo, por que o Ministerio e a Xunta non fixeron todos os deberes. Tomar decisións neste campo é complicado, pero hai que facelo pensando no conxunto da Universidade, chegando a acordos maioritarios para determinar por onde queremos ir.
Considera este proceso de adaptación ao EEES positivo para a Universidade española? Parece claro que o sistema universitario tal e como o coñecemos, precisaba dalgúns cambios, pero considera que os programados son os correctos?
A este proceso tiñamos que incorporarnos por que facilita a mobilidade nun espazo común a través de títulos equivalentes e coas mesmas medidas. Como idea é boa e necesaria por que se estamos nun mercado común e a educación ten que ter aspectos comúns, facilitando a mobilidade dos universitarios. O problema é a forma de incorporación que foi mala, mala, mala. Entrouse rápido e comezouse a titubear. Era preciso abrir a nivel nacional un debate para definir se queriamos entrar e en que condicións. Así se cambiaron reais decretos e estamos no 2008 con dúbidas mentres outros países xa están adaptados.
Agora, como quedará o sistema comparado co de antes?. Isto é outro sistema, son outros títulos e non se pode andar a comparar un licenciado de agora, cun graduado de dentro duns anos, por que é outra cousa. Temos que adaptarnos á nova situación onde o mundo é máis compartido e a mobilidade da xente é moito maior. Agora será normal que un alumno que empeza a carreira en Vigo a remate en Dublín e viceversa, e iso é bo.
O vindeiro mes de marzo Vigo coñecerá se é a candidata española para acoller en 2013 a Universiada. Esta posibilidade ten levantado unha gran expectación na cidade que expresou o seu respaldo unánime á candidatura viguesa. Paga a pena o esforzo que está realizando, tamén por parte da Universidade, para acadar este fito?
Todo tipo de actividades onde a Universidade sexa un escaparate cara ao exterior e poidamos mostrar o que temos, é bo. Como actividade a Universiada me parece interesante, e se o logramos será bo, por que a parte en Vigo é importante aglutinar todas as institucións en torno a unha idea. Se a Universidade está en torno a outras institucións a cidade sentirá máis á Universidade que progresivamente separouse da cidad, e iso é algo que temos que solucionar.