Protagonizada polas personaxes da Canle de TikTok, UVigoShow
Nova campaña de comunicación co selo ‘Máis UVigo’
O obxectivo é potenciar a institución como primeira opción do seu potencial alumnado
Como cada ano por estas datas a Universidade de Vigo acaba de facer pública a súa nova campaña de comunicación institucional, unha acción comunicativa que nesta ocasión está presidida polo lema ‘Máis UVigo’ e protagonizada polas personaxes da súa Canle de TikTok, UVigoShow. Dirixida á mocidade galega de entre 17 e 23 anos, cun especial reforzo nas zonas nas que se atopan os tres campus, o obxectivo é potenciar a institución como primeira opción do potencial alumnado para realizar os seus estudos universitarios.
Desenvolverase entre os meses de xuño e xullo de acordo coas datas das convocatorias ordinarias e extraordinarias da ABAU e cos períodos clave de busca de titulacións universitarias e matriculación. Complementaranse dúas fases simultaneamente: unha de maior envergadura, que durará todo o mes, co fin de converter a UVigo nunha “referencia” para o público obxectivo principal, e outra fase, nas últimas semanas, nas que se buscará gañar a súa “preferencia”.
Mozas e mozos para os que o futuro pasa pola UVigo
A través de diferentes pezas, as espectadoras e espectadores da nova campaña volveranse atoparse con Jéssica, a nini viguesa –a quen a mascota Oli espertou a súa fibra académica no transcurso da miniserie da rede social onde se presentan de modo humorístico as titulacións da UVigo–, imaxinándose enxeñeira ou filóloga. No audiovisual pódese apreciar que houbo unha evolución fronte á súa desidia inicial e que agora xa é unha persoa chea de soños nos que o seu futuro pasa pola formación nalgunha das titulacións que se imparten na UVigo.
Do mesmo xeito, nunha segunda peza promocional, o seu compañeiro de andanzas, Álvaro, ten unha revelación para ampliar o seu negocio, grazas ás títulacións académicas que se imparten no campus de Ourense, un vídeo no que se volveu contar co apoio da Deputación de Ourense para promocionar e dinamizar os estudos deste campus.
Reforzando o sentimento de pertenza
Tal e como se especifica na web da campaña, con ‘MáisUVigo’ a institución busca seguir reforzando o sentimento de pertenza a través da difusión das melloras en todos os ámbitos do liderado e reputación da Universidade de Vigo, desde a súa calidade investigadora e de transferencia de coñecemento ata o seu compromiso coa ética, a lingua e a cultura do territorio no que se asenta.