Estou convoca o seu curso profesionalizante neste eido
Unha nova oportunidade para sacar o título de monitor de tempo libre
A formación desenvolverase do 16 de febreiro ata o 15 de abril
A Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou), ao abeiro da Asociación da Universitaria de Ciencias da Educación Auce, vén de convocar unha nova edición do seu Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre. 25 persoas terán a oportunidade de, durante as fins de semana de febreiro, marzo e abril, aprender a dinamizar todo tipo de colectivos, desde menores ata maiores. “Despois de tantas edicións o curso xa é recoñecido e ten boa fama xa que realmente complementa a formación dos participantes e lles dá ferramentas que lles permiten saber traballar con xente”, explica o educador social Millán Brea en nome da entidade organizadora.
Mostra dos bos resultados desta iniciativa, Brea lembra como as 25 prazas que se convocan en cada edición se esgotan ás poucas horas de abrirse a convocatoria. O perfil de inscritos en anteriores edicións, indican desde a organización, é moi diverso aínda que sobresaen os estudantes e egresados no eido educativo e do traballo ou educación social. Ademais, destacan, a iniciativa tamén atrae a estudantes de ciclos de Formación Profesional vinculados ao tempo libre e á animación sociocultural.
Desde xogos a lexislación
Cun enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade dos participantes, a docencia desenvolverase nesta edición os venres, sábados e domingos dende o 16 de febreiro ata o 15 de abril. Os contidos que se abordarán ao longo da formación abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións. “A formación é moi ampla, abranguendo desde ferramentas didácticas precisas para traballar con diferentes colectivos no eido do tempo libre ata cuestións lexislativas ou ambientais”, sinalan desde a organización do curso.
Na docencia do curso participarán non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo e persoas que teñen un papel activo na entidade organizadora. “Unha das maiores satisfacción neste senso é ter acadado que arredor da metade do profesorado desta iniciativa sexan persoas que realizaron previamente o noso curso de monitores de tempo libre”, destaca Millán Brea. Ao rematar a formación, os participantes que cumpran os requisitos obterán un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia e poderán ser monitores de tempo libre de todo tipo de públicos. O prezo de matrícula é de 150 euros.