DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

67 egresados compoñen a duodécima promoción da licenciatura

Unha nova promoción de Dereito Económico despídese da vida académica mirando con ilusión o seu futuro laboral

Durante o acto nomeouse profesor honorífico ao vicepresidente do Tribunal Constitucional

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 10/06/2010

Con ilusión e optimismo aínda que tamén con inquedanza ante o xa inminente futuro profesional, unha nova promoción de Dereito Económico despediuse este xoves da súa vida académica na Universidade de Vigo. Arroupados por familiares e profesores, os 67 novos titulados e tituladas encamíñanse así a un mercado laboral no que, segundo apuntou o ata agora decano do centro, Fernando Lorenzo Merino “podedes competir con todas as garantías porque tedes un título con historia e prestixio”. O decano despediuse do cargo tras dous mandatos deixando paso a Ana Mª Pita Grandal ao fronte do centro, nun acto no que foi investido como profesor honorífico do claustro da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o vicepresidente do Tribunal Constitucional, Guillermo Jiménez.

As potencialidades do Dereito Económico

Tanto Fernando Lorenzo Merino como a actual decana e o padriño da promoción, o profesor Pablo Fernández Carballo-Calero salientaron na súa intervención a excelente formación adquirida nos últimos cinco anos polos egresados e lembraron que saen ao mundo real co respaldo dun título pioneiro “co que estamos comprometidos todos, unha aposta forte” que o continuará sendo co novo grao no que se cubriron as 80 prazas neste curso nos tres primeiros días de matrícula.
O padriño dirixiuse aos seus estudantes para lembrarlles a importancia do esforzo e da perseveranza “de ir paso a paso, marcándovos metas e superándoas” e poñéndolles como exemplo ao fundador de Apple, Steve Jobs, que tamén foi padriño da promoción de 2005 da Universidade de Stanford. “Fálovos del porque a pesar de ser despedido da empresa que el mesmo fundou e doutras vicisitudes acabou logrando as súas metas”, apuntou Fernández Carballo-Calero. Explicoulles que “tedes que seguir o voso instinto dedicándolle o voso tempo a aquilo que vos apaixone, esforzándovos e mirando adiante cando as cousas vaian mal”. No mesmo sentido se expresou Lorenzo Merino que lles aconsellou tratar con cariño o campo do dereito “como un xardín que tedes que coidar toda a vosa vida”. A esta dedicación ao longo da vida tamén se referiu a secretaria xeral da Universidade, Esther González Pillado, que lles recomendou afondar na formación e lembroulles que “hai fóra hai oportunidades, o que pide o mercado de traballo non é imposible”.

Unha etapa que remata

Para os representantes da promoción, María Núñez González e José Mª Covelo, o día de hoxe é o fin dunha etapa pero o comezo doutra, “a da vida real”, que afrontan “non sen medo, pero con moita ilusión”. Ambos agradeceron tanto aos pais como aos profesores o esforzo destes anos e afirmaron que “agora tócanos a nós demostrar ao mundo que somos persoas formadas, é a nosa responsabilidade como licenciados aproveitar os coñecementos adquiridos". Eles, ao igual que o padriño, tamén puxeron un exemplo de éxito e superación e tamén un estadounidense, neste caso o presidente Barack Obama, “ao que si lle dixeran cando estudaba que acabaría sendo presidente non o crería, pero logrouno superando obstáculos e trabas”.

O vicepresidente do Tribunal Constitucional, novo membro do claustro

O acto serviu tamén para nomear ao vicepresidente do Tribunal Constitucional, Guillermo Jiménez como profesor honorífico do claustro da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Catedrático de Dereito Mercantil na Universidade de Sevilla, ostenta este cargo dende 2004 e conta no seu haber con máis dun cento de publicacións científicas, libros e manuais. Na súa conferencia de honra, Jiménez fixo fincapé no feito de ser universitario e afirmou que “universitario non se é só cando se está na universidade, ese toda a vida. O maxistrado amosouse en desacordo coa contraposición entre estudante e estudoso e sostivo que se trata de termos sinónimos e lembrou a cita de Alfonso X o Sabio “a ciencia das leis é unha fonte de xustiza e dela aprovéitase máis que de ningunha outra”.