DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes e nanotecnoloxía, centran o interese das universidades de Calcuta

A oferta académica da Universidade de Vigo chega estes días á India

O vicerreitor de Relacións Institucionais asina convenios con centros hindús

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/12/2007
Con 13 millóns de habitantes, Calcuta é a segunda cidade máis poboada da India, o país despois de China coa maior concentración humana do planeta. Kolkata(Calcuta en bengalí) é precisamentes estes días, o destino dunha delegación da Universidade de Vigo, formada polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Área ,e o profesor e experto na obra de Tagore, José Paz Rodríguez, que ten a finalidade de visitar e asinar convenios de colaboración e mobilidade con varias universidades da cidade, que conta cunha decena de institucións académicas.
Creada por Rabindranath Tagore, a visita comezou na Visva-Bharati University, onde os seus responsables manifestaron o seu interese en temas relacionados coas Belas Artes, xa que, como confirma o vicerreitor Iván Area " esta universidade que ten como reitor ao primeiro ministro da India, conta con seu campus cunha prestixiosa facultade nesta materia".

Jadavpur e Kolkota University

A Jadavpur University foi o segundo destino da delegación da Universidade de Vigo , mostrando neste caso os responsables da institución académica hindú o seu interese nas titulacións de Informática, Filoloxía, Tradución e Interpretación e Belas Artes.
Hoxe mesmo o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area e o profesor José Paz, visitaron a Kolkota University, unha institución que está a piques de cumprir os 150 anos e que ten na actualidade 180 college adscritos nos que se imparten os títulos de grao. No caso desta universidade é a nanotecnoloxía unha das materias que máis interese esperta, e proba diso é a existencia de varios departamentos, que próximamente se verá refordados coa iniciativa do goberno da India de poñer en funcionamento tres grandes laboratorios nas universidades de Calcuta, Mubai e Madrás. No caso da Kolkota University ,segundo o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area "son os temas de nanotecnoloxía onde hai unha coincidencia interesante con importantes grupos de investigación da Universidade de Vigo".
Os encontros cos vice-chacellors, o equivalente no país aos vicerreitores, e a sinatura de convenios continuará en próximos días en varias universidades do país asiático. Séguese así a avanzar nunha das liñas programáticas do equipo de goberno, dando continuidade ao traballo desenvolvido o pasado mes de outubro en Beijing, China, onde a oferta académica da Universidade de Vigo, tanto a nivel de grao como de posgrao, estivo presente en varias ferias de promoción de universidades.