DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Oficina de Apoio ao Emprendedor orienta aos estudantes na creación dunha empresa

Publicarán en breve unha "Guía para jóvenes emprendedores"

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 11/06/2009

Ao rematar o período universitario chega o momento de lanzarse ao mercado laboral. Unha saída interesante e á que se apuntan cada vez máis persoas é a de crear unha empresa, pero á hora de facelo son moitas as dúbidas que se presentan. Co obxectivo de fomentar o espírito emprendedor, apoiar, asesorar e facilitar información a todos aqueles universitarios que queren converterse en empresarios, o campus de Ourense conta cunha Oficina de Apoio ao Emprendedor, situada no Edificio Administrativo, na que a súa responsable, Rosa Nóvoa, orienta aos universitarios nos primeiros pasos para a creación do seu propio negocio.
A función da oficina é fundamentalmente de orientación, “proporcionamos información do máis diversa, dende a normativa de aplicación ao sector de actividade no que queren iniciar unha empresa, ata os trámites de constitución e funcionamento”, se ben a principal demanda dos universitarios “é sobre as axudas e subvencións ás que poden acceder”. Outro punto que require especial atención á hora de crear unha empresa é a elección da forma xurídica, “se queren formar unha cooperativa, unha sociedade limitada ou laboral, se queren establecerse como empresarios individuais, etc”, explica Nóvoa. Esta decisión é clave para a responsabilidade que terá o empresario con respecto ao seu patrimonio ou ás cargas administrativas que soportará.

Axudas para crear unha empresa

Con respecto ás subvencións ás que poden optar, punto que máis interesa aos emprendedores, “deben saber que existen un importante número de liñas de axudas que fundamentalmente terán en conta o número de empregos que se van a crear”. As subvencións son moi diversas no tocante ao concepto que se financia: “inversión, circulante, bonificación do tipo de interese no momento de acceder ao financiamento...” Hai que ter en conta que estas axudas, a fondo perdido, tamén dependen da forma xurídica adoptada. Algunhas destas subvencións que facilita a Consellería de Traballo e Benestar son: Promoción do Emprego Autónomo, “dirixida a empresarios individuais”; Fomento de Iniciativas Emprendedoras e de Emprego, “para sociedades limitadas”; ou Fomento de Iniciativas Locais de Emprego, “cando unha actividade é nova nunha zona conta co apoio dunha administración local”.
No tocante ás subvencións tamén hai que ter en conta certos factores que poden influír na contía da axuda: “as políticas de xénero levaron a que as mulleres emprendedoras teñan unha maior axuda, outro exemplo son as actividades que se desenvolven nun ámbito rural, xa que poden acceder a subvencións específicas de programas de desenvolvemento rural”.
Proximamente estas axudas serán publicadas na páxina web do campus a medida que vaian sendo ofertadas pola consellería.

Unha empresa paso a paso

Neste momento, a oficina ven de rematar unha Guía para jóvenes emprendedores, na que se orienta de xeito concreto aos universitarios do campus de Ourense, especificando “todos os pasos que ten que seguir un emprendedor cando quere montar a súa empresa”, explica Nóvoa. Nun principio esta guía estará dispoñible online na páxina web do campus e posteriormente sacarase unha edición en papel.
Actualmente Nóvoa está a traballar nunha nova publicación, nesta ocasión é unha guía rápida sobre as axudas de desenvolvemento rural da provincia de Ourense, “unhas subvencións moi importantes porque só para Galicia hai dispoñibles 142,8 millóns de euros”.