35 alumnos do campus son voluntarios de Enxeñeiros Sen Fronteiras
Unha ONG xurdida na Universidade busca un mundo máis solidario a través da técnica
Participar en proxectos solidarios dende a Universidade é posible grazas a organizacións como Enxeñeiros Sen Fronteiras, creada por un grupo de alumnos de escolas de enxeñería de Vigo “desexosos de poñer os coñecementos adquiridos ao servizo da cooperación para o desenvolvemento”, tal como afirma Pepe Vara, presidente da Federación Española de Enxeñeiros Sen Fronteiras e antigo alumno do campus.
Esta asociación, que conta con 180 socios en Galicia e dispón de sete sedes na nosa comunidade, entende que dende a enxeñería é tecnicamente posible cubrir as necesidades de alimentación, saúde, vivenda e educación dos países menos desenvolvidos, xa que hai recursos suficientes para que todos poidamos vivir dignamente. Pero para isto, o máis importante, como punto de partida, é “cambiar a mentalidade de Occidente para eliminar paulatinamente as diferenzas e desigualdades entre os países do norte e os do sur”, segundo afirma Vara, quen engade que “ por este motivo a organización traballa moito na educación para o desenvolvemento dando a coñecer a realidade do planeta e propoñendo alternativas para o cambio”
Participación de alumnos do campus
“Uns 35 alumnos do campus son socios desta ONG”, segundo apunta Pepe Vara, co cal poden colaborar en proxectos tales como o saneamento de auga ou a instalación de redes eléctricas en países suramericanos. Isto é posible grazas ás estadías de dous meses durante o verán que Enxeñeiros Sen Fronteiras organiza para que os voluntarios convivan con familias da rexión co fin de coñecer a súa realidade máis de preto. Precisamente isto foi o que fixo Lara Fernández, estudante de Enxeñaría Industrial que se desprazou ata a o Perú para participar en obras hidráulicas na zona Andina.Financiamento da actividade
“As cotas de socios, 30€ anuais para estudantes e 60 para profesionais, e as subvencións de organismos públicos son a nosa fonte de financiamento”, afirma Pepe Vara, quen engade que “as axudas económicas recibidas proceden da Xunta, os concellos, as Deputacións e os colexios profesionais, principalmente”.O que máis bota en falta o presidente da asociación é oferta de seminarios e obradoiros gratuítos para a formación en temas como a cooperación internacional ou o voluntariado en xeral. “O que facemos para satisfacer esta necesidade é ofrecer nós mesmos os cursos ou establecer acordos con outras organizacións deste tipo”, tal como el mesmo comenta.
Proxectos a longo prazo
Os catro proxectos aos que Pepe Vara apunta como as principais liñas de actuación que na actualidade se están a desenvolver a nivel global dende a organización son o “saneamento de auga en El Salvador, formación en hidroxeoloxía nos campamentos saharauís, ordenación territorial en Nicaragua e identificación de abastecementos de auga potable en Honduras”. Todos eles se basean no emprego da tecnoloxía para o desenvolvemento humano, un dos principios cos que traballa Enxeñeiros Sen Fronteiras dende a súa fundación.