DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os docentes recibiron os Premios á Colaboración Universitaria que promove a asociación

OPICO premia a Inés Iglesias, Francisco Tugores e Antonio Piña polo seu apoio

Nun acto presidido por Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 21/05/2010

A Asociación OPICO –Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense- naceu no ano 2000 co obxectivo de representar os intereses do alumnado da Universidade e de loitar por unha institución pública, gratuíta e de calidade. Nestes anos foron moitos os docentes e profesionais que brindaron o seu apoio ao colectivo colaborando activamente nas numerosas actividades que puñan en marcha. Entre esas persoas están Inés Iglesias, profesora de Dereito Procesal; Francisco Tugores, profesor de Física e Antonio Piña, xuíz decano de Ourense, xuíz do xulgado de Instrución nº 2 e profesor tamén da Facultade de Dereito do campus. Segundo Rodrigo González, membro de OPICO, “temos unha débeda con estes tres profesionais polo seu apoio e colaboración co noso grupo. Deles recibimos sempre unha boa dose de cordura, bos consellos e algún tirón de orellas pero sempre dende o compañeirismo”, explica. Unha débeda que quixeron saldar este venres nun acto de recoñecemento público ao seu labor e no transcurso do cal se lles fixo entrega dun agasallo. O encontro estivo presidido por Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, que subliñou a traxectoria profesional dos premiados facendo especial fincapé no seu traballo e dedicación a prol da Universidade.

Agradecementos dos premiados

Iago Fariñas, da asociación OPICO, foi o encargado de entregarlle o premio a Francisco Tugores, do que subliñou o feito de ter sido “un dos primeiros profesores que escoitou o nome do noso colectivo e que nos apoiou na nosa ilusión por facer cousas por este campus”. O profesor Tugores, pola súa banda, agradeceu o recoñecemento e subliñou da agrupación “o tratarse dunha das asociacións máis activas da Universidade de Vigo que se preocupa, ademais, por potenciar o asociacionismo e todo tipo de actividades”.
Antonio Piña, pola súa banda, recibiu o premio de mans de Pablo Rodríguez, outro dos membros do colectivo, que lle agradeceu ao xuíz o apoio recibido nas actividades organizadas pola asociación e do que subliñou a súa implicación na realización dos seminarios de práctica xudicial. O xuíz Piña, pola súa banda, recoñeceu sentirse “emocionado” pola concesión do premio por dúas razóns: ser partidario do asociacionismo e defender que a cultura non quede só nas mans das institucións públicas, “senón que dende a sociedade civil hai que facer tamén moitas cousas”. O premiado cualificou o proxecto educativo da Facultade de Dereito de “extraordinario” e amosouse disposto, no nome da institución á que representa, “de recibir aos estudantes e colaborar así na formación dos futuros avogados e avogadas”.

Traballo a prol dos intereses do alumnado

Rodrigo González entregou o último dos premios á terceira galardoada, a profesora Inés Iglesias, da que subliñou o traballo desenvolvido como decana da Facultade de Dereito “co que situou a esta institución á vangarda do sistema educativo con actividades pensadas por e para o alumnado como os seminarios de práctica xudicial e as viaxes a institucións autonómicas, estatais e europeas, entre outras iniciativas”, declarou. A profesora Iglesias, pola súa banda, agradeceu o recoñecemento do colectivo e coincidiu cos seus membros “na necesidade de traballar primando sempre o interese xeral dos estudantes”.