No marco do programa Tempus
A ORI traslada os seus coñecementos aos membros de doce universidades tunesinas
Amelia Rodríguez impartirá unha conferencia sobre o Programa de Aprendizaxe Permanente
O próximo mércores é a data fixada para a partida da responsable da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez Piña, cara a Túnez, onde será a encargada, xunto coa súa homóloga da Universidade de A Coruña, de impartir un seminario sobre o novo Programa de Aprendizaxe Permanente, que sucede ao antigo Sócrates. “Os aspectos relativos aos proxectos Erasmus, Comenius e Grundtvig serán os que centren a miña exposición”, segundo apunta Amelia Rodríguez.
A conferencia, que vai dirixida a traballadores das universidades tunesinas que se ocupan dos temas de relacións internacionais nas súas respectivas institucións, desenvolverase na cidade de Gabés, no propio salón do hotel onde se hospedan os participantes.
Proxecto Tempus GASRIU
A impartición do seminario faise no marco do proxecto Tempus GASRIU, coordinado polo Grupo Compostela de Universidades, co obxectivo de desenvolver Oficinas de Relacións Institucionais en doce institucións tunesinas.O programa divídese en tres etapas: para empezar, requírese a aprendizaxe do inglés como lingua de uso habitual; en segundo lugar, o Tempus prevé a participación dos traballadores en diversos seminarios sobre temas como a creación da Unión Europea e o Proceso de Bolonia, os programas europeos de educación superior, a cooperación África-Mediterráneo ou a organización de cursos de linguas e de eventos internacionais, entre outros. A última fase consiste nun período de prácticas que levará aos participantes no proxecto a universidades europeas para adquirir experiencia e os coñecementos oportunos para desenvolver o seu futuro traballo de creación dunha ORI na universidade de orixe.
Deste xeito, “as pautas son moi similares ás do programa Tempus GASBRIU, que se desenvolveu anteriormente en Marrocos e que culminou con gran satisfacción por ambas partes”, tal como afirma Amelia Rodríguez.
Programa de Aprendizaxe Permanente
Trala entrada en vigor no 2007, o PAP, ou LLP (Lifeling Learning Programme), aglutina aos programas máis importantes establecidos ata agora, como son o Erasmus, Comenius, Leonardo da Vinci e Grundtvig que, deste xeito, pasan a formar parte dunha formulación global moito máis ampla.O seu obxectivo é estimular o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os diversos sistemas de educación e formación para converterse nunha referencia de calidade a nivel mundial. Para isto,as accións contempladas inclúen dende a educación escolar ata a formación do profesorado, e abarcan ámbitos diferenciados, como a Formación Profesional, a Educación Superior, a educación de adultos e a primaria e secundaria.