DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderá visitarse ata o 6 de xaneiro

Os amish e "A Noite do cazador", inspiración dos deseñadores na mostra Esdemga 2.1

Inaugurada na Casa Galega da Cultura en Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 15/11/2007

Durante máis dun mes poderá visitarse na Casa Galega da Cultura a exposición Esdemga 2.1 que mostra os proxectos dos alumnos da segunda promoción de Estudos Superiores de Deseño Textil e Moda, titulación propia da Universidade de Vigo. Os amish e a película A Noite do Cazador de Robert Mitchum, foron as referencias dos novos deseñadores para esta mostra inaugurada nas últimas horas. “Baseime nos menonitas que aparecen na película, no artesán, no feito a mán, por iso todo é cosido a man. Ademáis está feito sen patróns, a partir de rectángulos. O expresionismo alemán foi outra referencia, o xogo de luces e sombras que fai o nido de abella e a dualidade do branco e a cor”, explicou a alumna Rosa Martínez, acerca do seu proxecto presentado na mostra.
Pola súa banda, a estudante Margarita Cuesta comentou acerca da súa obra que “son uns quimonos de papel e uns colos inspirados nos nenos da película, en como conviven e no seu aspecto, que pasa de ser un rostro de nenos a ser persoas maiores polas experiencias que viven. No meu primeiro proxecto fixeime moito no patronaxe, en que todo fose moi limpo, moi coidado, por iso decidinme a facer uns quimonos, porque neles todo é perfección e limpeza”.
O rostro dos 24 artistas que participan na exposición reflexaban o sentimento de benestar ao brindarlles a oportunidade de mostrar os seu traballos. Para eles non é unha mostra máis, senón que se trata dun escaparate onde poder amosar as súas creacións.
Coordinados por Alfredo Olmedo e Charo Froján, docentes encargados da Área de Deseño do segundo curso, a exposición é froito do traballo en equipo de alumnos e profesores. Así o manifestou a directora da titulación, Lola Dopico, quen amosou a súa satisfacción co labor realizado e o propósito de que Esdemga 2.1 se converta nunha exposición anual. “Creemos que os estudantes teñen que saír á rúa e amosar o seu traballo aos ollos do espectador. O ano pasado presentamos Esdemga 2.0 e pretendemos que se converta nunha cita habitual, no primeiro paso que os alumnos dean en público”, comentou a directora na presentación da mostra.

Os detalles

A inauguración da exposición, que tivo lugar na Casa Galega da Cultura en Vigo, contou tamén coa participación da vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza. A mostra poderá visitarse ata o 6 de xaneiro, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, os sábados de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas, e os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.