DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os Canóns do Sil, protagonistas dun roteiro cultural

Terá lugar o vindeiro sábado 26 de xaneiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 23/01/2008

Esta fin de semana os roteiros culturais chegan ás terras do Sil cunha etapa por unha das zonas máis emblemáticas da paisaxe ourensá. Os participantes percorrerán os 18 quilómetros que separan os Peares do miradoiro dos Canóns do Sil , pasando polo mosteiro de San Estevo.
Dende a organización, José García-Calvo comentou a “fermosura da etapa que parte dun pobo moi curioso, os Peares, na desembocadura do Sil no Miño e que ademais ten a característica especial de que a metade del pertence á provincia de Lugo e a outra metade á de Ourense” explicou. Chega despois un descenso notable cara o mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil, o máis grande da zona tralo de Oseira e convertido nun parador de catro estrelas. “Esta parte da rota é a máis complicada porque a baixada é moi pronunciada, de aí que estea cualificada como de dificultade media-alta, aparte de que o primeiro tramo está en malas condicións, co camiño sen limpar” dixo.
Trala visita ao mosteiro, unha lixeira subida leva aos participantes ao miradoiro de Pé de Home, “dende onde se divisa o Sil dende un punto de vista moi diferente ao da estrada, non se pode chegar en coche ata alí” en palabras do organizador.

Información para os participantes

A ruta terá lugar o sábado 26 de xaneiro e o autobús cara os Peares sairá do campus ás 9:00 da mañá. Os participantes dos campus de Pontevedra e Vigo sairán das súas cidades ás 7:15 (Casa Consistorial) e 7:45 (antiga Reitoría) respectivamente. A volta está prevista para as 17:00 horas a Ourense.
Aínda que dende a organización agardan bo tempo compre levar calzado axeitado porque o terreo húmido é moi esvaradío. Ademais recoméndase levar unha muda completa así como a comida e a bebida.
Coma no resto dos roteiros o prezo individual para os membros da comunidade universitaria é de 8 euros e 13 para os alleos, habendo tamén descontos especiais pola participación en máis de un deles.